Telefono: 981-583100 Ext. 1375
Descripcion:
O Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) está formalmente constituído no Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social da Universidade de Santiago de Compostela, con código GI-1447. Pola Orde de 18 de decembro de 2006, foi recoñecido pola Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, como unidade de investigación competitiva na área de Humanidades e Ciencias Sociais no Sistema Universitario de Galicia.
O Grupo SEPA-interea mantén convenios de colaboración, contratos co sector privado e proxectos financiados a través de convocatorias públicas en réxime de concorrencia competitiva (de alcance autonómico e nacional). Asemade, participa en distintas redes e sociedades científicas dos eidos galego, español e iberoamericano, entre as cales cómpre nomear a Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social, a Sociedade Galega de Educación Ambiental, a Asociación Internacional de Investigadores en Educación Ambiental, o Colexio de Educadoras e Educadoras Sociais de Galicia, etcétera.
En función da normativa vixente na Universidade de Santiago de Compostela o Grupo SEPA –interea integra un total de 15 membros, entre eles o IP (José Antonio Caride Gómez), dos cales 1 é Catedrático de Universidade, 4 Profesores Titulares de Universidade, 3 Profesores Asociados, 1 Profesor Axudante Doutor, 1 Contratado Post-Doutoral “Parga Condal” da Xunta de Galicia e 5 Bolseiros/as de Investigación en distintas modalidades (4 deles Bolseiros/as de Formación de Profesorado Universitario-FPU nas convocatorias 2005, 2006 e 2007).
Ademais o grupo conta cun total de 22 colaboradores externos (profesores, investigadores e técnicos de educación e cultura) dun total de 9 institucións (Universidades españolas e portuguesas, Administración Autonómica e Local, Fundacións, etcétera).
Na traxectoria do Grupo Investigador, e no Currículum Vitae dos seus membros, consta a dirección de máis de 40 Tese Doutorais, fundamentalmente no marco do Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, a través do seu Programa de Doutorado de Teoría e Historia da Educación, que ten recoñecida a Mención de Calidade desde o curso académico 2005-06. Actualmente os membros do Equipo teñen comprometida a súa responsabilidade na dirección dun total de 36 novas Teses Doutorais, dentro do mesmo Programa e convidos con outras Universidades, entre os que destaca o Programa Interuniversitario de Educación Ambiental, e outros Programas Oficiais de Máster e Posgrao do Sistema Universitario Galego.
No ámbito da eurrorexión Galicia-Norte de Portugal, os PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN máis salientables do Grupo SEPA realizáronse en parcería coas seguintes institucións e/ou entidades:
- Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (“A xornada escolar de sesión única en Galicia”, 2001-2003).
- Deputación Provincial da Coruña (Proxecto interea: iniciativas en el territorio y recursos para la acción municipal local, 2001-2008).
- Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia (“Dicionario Galego de Pedagoxía”, 2005-2007).
- Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia (“As necesidades formativas dos profesionais da acción cultural pública en Galicia”, no período 2006-2007).
- Universidade Católica de Porto (“Avaliación Externa do Projecto Trofa-Comunidade de Aprendentes”, 2006-2007).
- IGAEM-Xunta de Galicia (“Das funcións sociais e dos novos espazos profesionais para as artes escénicas en Galicia”, 2006-2007).
- Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia (“Asistencia Técnica para a implantación e o desenvolvemento da Axenda 21 en diferentes núcleos de sustentabilidade en Galicia”, 2007-2008).
- Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular (“O Eixo Atlántico: un territorio educador, unha comunidade educativa”, 2007-2008), coa participación de profesores e investigadores pertencentes ás Universidades de Minho e Tras-os-Montes e Alto Douro.
Ademais, o grupo mantén proxectos activos nas convocatorias de axudas para a realización de proxectos de investigación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa sectorial “Sociedade e Cultura” que financia o proxecto “Escolas Familias e Lecer na Conciliación dos Tempos Cotiás da Infancia: Problemáticas Específicas e Alternativas Pedagóxico-Sociais na Galicia Urbana” (2008-2010).
Tamén realiza nestes momentos proxectos de investigación financiados con cargo ao Plan Nacional de I+D+i do Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España (convocatorias 2005-2008 e 2009-2011), arredor da liña de investigación de tempos escolares e tempos de ocio da infancia e da adolescencia na sociedade rede.
Estes proxectos atravesan as LIÑAS DE INVESTIGACIÓN do Grupo de Investigación SEPA-interea estruturadas do seguinte modo:
1. Educación e sociedade en Galicia:
1.1. Perspectiva histórica e prospectiva do sistema educativo en Galicia.
1.2. Política educativa e procesos de reforma da educación.
1.3. O sistema educativo na Galicia rural e urbana.
1.4. Cidades educadoras e sociedade educativa.
2. Pedagoxía Social, Educación Social e ámbitos da intervención socio-educativa:
2.1. Fundamentos teóricos e metodolóxicos da Educación Social.
2.2. Formación e Profesionalización na Pedagoxía-Educación Social.
2.3. Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos.
2.4. Xénero e Educación Social.
2.5. A educación no marco das políticas e ámbitos de Benestar Social.
3. Tempos educativos e sociais:
3.1. Planificación, administración e xestión dos tempos educativos.
3.2. Perspectiva socio-política e normativa dos tempos escolares.
3.3. A Educación do lecer na vida cotiá da sociedade rede.
3.4. A conciliación dos tempos educativos e sociais.
4. Procesos metodolóxicos e desenvolvemento de programas educativos e sociais:
4.1. Metodoloxías cualitativas de investigación: da etnografía ao método socio-biográfico en educación.
4.2. Métodos e técnicas prospectivas na investigación socioeducativa.
4.3. Deseño e avaliación de programas educativos e sociais.
5. Educación Ambiental, Pedagoxía Ambiental e desenvolvemento sustentable:
5.1. Teoría e acción estratéxica na Educación Ambiental.
5.2. Educación, cultura da sustentabilidade e Desenvolvemento Humano.
5.3. Educación, comunicación e participación sobre o Cambio Climático: das representacións sociais á acción.
6. Educación Social, Administracións Públicas e Políticas Culturais:
6.1. A acción educativa e cultural nas Administracións Locais.
6.2. Educación Social, Políticas Culturais e Animación Sociocultural.
6.3. Avaliación das necesidades e programas formativos dos responsables políticos e técnicos da acción cultural municipal.