Oficina CEER
 28-09-2010
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O CURSO DE INNOVACIÓN 360º

Dirixido a estudantes dos últimos cursos de carreira e doutorandos, o Curso de Innovación 360º achégase novamente á USC, onde se vai impartir por segundo ano. Promovido pola Fundación da Innovación Bankinter, os seus organizadores considérano “único pola súa natureza e método”, articulado en base a un método innovador de análise de casos, a participación de profesorado formado por expertos internacionais e unha dotación de contidos de alto nivel.

As persoas interesadas en apuntarse deberán enviar unha carta de motivación e o seu currículo vitae antes do día 12 de outubro co título ‘Akademia USC’ ao enderezo de correo electrónico akademiafibk@bankinter.es.

O obxectivo é acadar o desenvolvemento de capital intelectual, promover as habilidades que permiten xestionar a innovación en diferentes ámbitos, fomentar a actitude innovadora como fonte de vantaxes competitivas sustentables e impulsar o espírito emprendedor entre os alumnos.

Na edición anterior do curso participaron como docentes, entre outros, Fernando Alfaro, socio fundador de Madiva; os profesores da USC Juan Lema e Urbano Fra; e os catedráticos Alfredo Bermúdez de Castro e José A. Redondo López.

Ademais das sesións lectivas, o curso conta cos denominados ‘Encontros Akademia’, sesións especiais con relatores externos relevantes que veñen a contar a súa experiencia tanto persoal como profesional no eido do emprendemento e empresarial, co obxecto de predicar co exemplo e inspirar aos participantes para que adopten unha postura activa na súa vida profesional e á hora de emprender.

Fonte: http://xornal.usc.es