Oficina CEER
 30-09-2010
A UVIGO DESPUNTA NO EIDO DA MECATRÓNICA EN EUROPA

Salustiano Mato reuniuse co director do mestrado, Fritz Neef, para facer oficial esta proposta.

A institución tamén foi o escenario da reunión entre os integrantes australianos e europeos do IEMEE.

Coa súa participación nun proxecto de cooperación educativa en mecatrónica entre universidades europeas e australianas (IEMEE) e tramitando a creación dun posgrao oficial especializado nesta materia, a Universidade de Vigo despunta no eido da mecatrónica e segue traballando para consolidarse como referente europeo neste sector ao confirmar a súa participación no programa Erasmus Mundus Máster en Mecatrónica e Micromecatrónica (EU4M), liderado pola Universidade de Karlsruhe e considerado como un dos cen mellores posgraos europeos.

Con este motivo, o reitor da Universidade, Salustiano Mato, recibiu este martes ao coordinador do mestrado e profesor da Universidade de Karlsruhe, Fritz Neff, para facer oficial o compromiso entre ambas institucións á hora de colaborar como partners no mestrado europeo. “Dende a Universidade de Vigo temos unha clara vocación de internacionalización, polo que imos poñer todo da nosa parte para formar parte deste proxecto e aproveitar esta oportunidade para explotar o noso potencial no eido da mecatrónica” comentou o reitor. Pola súa banda, o professor Neff amosou o seu interese por incrementar o número de socios participantes no mestrado, que neste momento conta coa colaboración da Universidade de Besançon e a Universidade de Oviedo. “Cantos máis socios estean implicados, máis oportunidades temos para ofrecer unha boa oferta formativa a estudantes e profesores, xa que este proxecto é unha importante ocasión para compartir culturas, convivir e aprender” declarou o coordinador do mestrado.

Así mesmo, a Universidade de Vigo converteuse no escenario escollido polos membros do proxecto Intercultural Excellence in Mechatronic Engineering Education (IEMEE) para celebrar unha xuntanza na que avaliaron distintos aspectos do programa relativos á mobilidade do alumnado participante.

Aposta por un posicionamento referente no eido da mecatrónica.
Tras a xuntanza, na que tamén estiveron presentes o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, o vicerreitor de Transferencia, José Antonio Vilán, o profesor do Departamento de Enxeñería de Sistemas e Automática da Universidade, Ignacio Armesto e a responsable do Máster Erasmus Mundus na Universidade de Oviedo, Tina Álvarez, perfiláronse os aspectos para facer posible a participación no proxecto estreitando lazos e establecendo as liñas de colaboración no eido da mecatrónica. “Formar parte dun programa como o Máster Erasmus Mundus é un gran prestixio para a Universidade de Vigo” explicou Armesto, encargado de organizar a reunión entre ambas institucións para formalizar os detalles da colaboración. “Nós apostamos pola culminación do traballo e a idea de futuro é integrarnos neste proxecto, que nos brinda a oportunidade de posicionarnos como referentes no eido da mecatrónica a nivel europeo” apuntou.

Ademais do programa Erasmus Mundus Máster, a Universidade de Vigo está involucrada no proxecto IEMEE, un programa de cooperación educativa coordinado pola Universidade Técnica de Munich (TUM) en colaboración con institucións australianas e europeas, centrado no intercambio de estudantes. Segundo comenta Armesto, “estamos rozando coas institucións que ofrecen o mellor no campo da mecatrónica, incluso participando en proxectos internacionais, pero aínda temos que avanzar neste nivel”.

A colaboración da Universidade nestes programas é fundamental para consolidar a súa presenza no campo da mecatrónica a nivel europeo e tamén supón un forte pulo para o Máster Universitario en Mecatrónica, un posgrao que se está a definir para formar parte da oferta académica da Universidade e pendente de aprobación pola Comisión Docente “que eu confío en que estea listo para o 2011” afirma Armesto.

A Universidade, sede da reunión entre os membros do IEMEE O profesor da Universidade de Karlsruhe, Fritz Neff, aproveitou a súa visita á Universidade para asistir á reunión entre os integrantes do proxecto IEMEE co fin de “crear sinerxias entre todas as institucións que se encargan de impartir formación no eido da mecatrónica”, tal e como indica Armesto, coordinador do proxecto na Universidade.

Tras a primeira xuntanza, que tivo lugar no mes de Marzo en Melbourne, representantes da Universidade Técnica de Munich, a Politechnika Łódzka de Polonia, a Universidade de Melbourne e a Universidade de Vigo déronse cita na institución viguesa para facer un seguimento do proxecto e avaliar os resultados dos primeiros intercambios entre estudantes australianos e alemáns, así como a definición das materias, conferencias e o programa formativo do proxecto. “Esta xuntanza axudará a resolver algunha problemática, establecer as principais liñas de investigación en mecatrónica que formarán parte do proxecto e analizar diferentes temas de impacto, para incluír toda a información nun informe sobre o estado do proxecto que se realizará a finais de ano ” sinala Armesto.

No tocante aos procesos de intercambio entre o alumnado das universidades participantes, Armesto apunta que “a convocatoria para os estudantes da Universidade de Vigo sairá proximamente e xa hai un par de alumnos da Universidade de Melbourne interesados en vir aquí”. A vindeira xuntanza, que está programada para marzo do ano que vén, terá lugar no centro australiano Curtin University of Technology, situado na cidade de Perth.

Fonte: http://duvi.uvigo.es