Oficina CEER
 30-09-2010
ENTREVISTA A JUAN CASARES LONG, REITOR DA USC: “NON NOS ESTAMOS ENFRONTANDO BEN AO CAMBIO CLIMÁTICO”

Juan Casares Long (A Coruña, 1950; casado; catedrático de Enxeñería Química; ex director do centro de supercomputación de Santiago e ex director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental dA Xunta de Galicia), cumpre o 25 de xullo dous meses desde que foi elixido, en segunda volta, reitor de Universidade de Santiago co 57 por cento dos votos a favor, e gañando en 20 dos 26 centros de escrutinio.

¿Cal é a esencia da universidade que vostede, como reitor da USC, quere recuperar?
A universidade é saber; é ensinar e aprender; é transmitirlle á sociedade o que se deu en chamar cultura. O desenvolvemento cultural é o que lle fixo progresar á humanidade. A sabedoría é a esencia da universidade. ¿ O concepto sabedoría é sinónimo do de excelencia, tantas veces reclamado por Darío Villanueva na súa etapa de reitor? Son diferentes.

¿En que sentido?
Desde logo a nosa utopía, o noso obxectivo, é a procura da excelencia. A calidade hai que presuporlla á universidade, e verificala, aínda que cometa erros. Hai que buscar a excelencia, pero para algo.

¿Para que, segundo vostede?
Para min, para a sabedoría. A sabedoría debe ser o froito máis importante da universidade.

Vostede declárase partidario de recuperar a cultura do esforzo. ¿É que se perdeu?
Nos últimos decenios vivimos tempos que algún diría moi bos. Afacerse a vivir por encima das nosas posibilidades, con pouco esforzo, e agora temos que recuperar a cultura do esforzo e demostrar que é un proceso reversible. ¿A cultura do esforzo está rifada co corporativismo e a endogamia, dos males seculares da universidade? O corporativismo é a colaboración mal entendida. Nunha casa tan grande poida que nalgún momento haxa algunha manifestación de corporativismo, pero por regra xeral na USC non existe corporativismo. Deixou de existir cando a universidade se fixo grande e houbo a socialización do ensino superior, nos anos 70 e 80 do século XX. Foi o maior efecto de inclusión social nunca alcanzado antes en España.

¿E a endogamia?
Pode haber casos de endogamia, non digo que non, pero en xeral non se están dando. A internacionalización xoga en contra da endogamia, porque leva á mobilidade da xente para a docencia e para investigar. Iso fai o sistema moito máis permeable, e dámonos/dámosnos de conta de que hai xente moi boa en calquera sitio. Hoxe hai cantidade de xenios na India, e é grazas á cultura do esforzo. Entre nós, a cultura do esforzo estase dando con maior forza entre as mulleres. As mulleres tiveron que traballar máis para gañarse un posto semellante ó do home, e demostraron que tamén poden.

¿A universidade é unha peza clave para ir a un modelo de sociedade avanzada baseada no crecemento sostible?
Si. No proceso de cambio que estamos vivindo nas últimas catro décadas, pasamos por unha primeira fase na que falabamos da sociedade da información, pero a información por si soa o único que fai é encher espazos, e con iso non chega. O proceso de cambio está madurando en favor do coñecemento, pois non basta con recibir moita información en tempo case real. Hai demasiada información, e necesitamos ser capaces de asimilala e transformala en coñecemento. O coñecemento é froito da reflexión, do estudo, do razonamento.

¿Que importancia adquire o I+D+i e que papel xoga a universidade como a súa factoría?
Durante moito tempo a universidade española estivo máis centrada na parte da docencia. En 1983 a Lei de Reforma Universitaria impulsou a universidade cara á investigación, fixo o que desde tempo atrás viñan facendo as universidades da nosa contorna europea. Desde esa lei, a investigación nas universidades españolas é unha parte tan importante como a docencia e, se cabe, máis. En 1930 xa Ortega e Gasset falou das tres misións da universidade: a docencia, a investigación e a transmisión de cultura á sociedade. O coñecemento é multidimensional, porque a tecnoloxía non o resolve todo. Agora mesmo o gran problema global da humanidade que non se está resolvendo é o cambio climático.

¿Iso é moi grave?
É que non nos estamos enfrontando ó cambio climático. Non o estamos facendo ben. Non estamos traballando co principio de precaución, que di que cando detectamos un problema, aínda que non coñezamos en detalle todas as súas causas, o que hai que facer é pórse a traballar para resolvelo. Non vale esperar a ter toda a información, porque toda a información nunca se ten. Fixémolo ben unha vez hai 25 anos, cando se detectou o buraco na capa de ozono. Os países e a xente reaccionaron dun modo case inmediato, e grazas a iso calcular que ese problema estará bastante resolto entre 2050 e 2060. Pero non estamos facendo o mesmo cos gases de efecto invernadoiro.

¿Que se debería facer?
Estamos dicindo que imos reducir un 20% para o ano 2020, cando tiñamos que estar pensando en reducir máis dun 50%. Xa sei que temos un sistema económico e enerxético que non permite iso, porque todo depende do petróleo e dos seus derivados, e diminuír agora as emisións de gases nun 50% provocaría un paro tremendo, pero debe quedar claro que non sabemos o que pode pasar. Por iso aludía eu antes ao principio de precaución. Temos que actuar e actuar con prontitude. Sabemos as consecuencias que terá sobre a vida humana se a temperatura do planeta se incrementa en cinco graos? Non o sabemos. Unha media de cinco graos, supón que algúns sitios subirá moito máis e noutros baixará, como nas Illas Británicas, pois ó desaparecer os xeos do Polo norte, a corrente do Golfo non chegará tan lonxe, non amornará as Illas Británicas e terán un clima moito menos caloroso que o de agora, o que provocará grandes emigracións.

¿Por que iso non se toma moi en serio?
Como non nos afecta directamente (co buraco da capa de ozono a xente comprobou que aumentaban os casos de cancro de pel), pensamos que alguén atenderá o problema, e se non, xa nos adaptaremos. Pero que certeza temos de que seremos capaces de adaptarnos? Ningunha.

¿A universidade debe implicarse na loita contra o cambio climático?
Si. O cambio climático e a sustentabilidade levan un cambio de hábitos e de costumes. Desde hai moitos anos esa é a miña liña de traballo profesional.

¿A USC está conectada á sociedade galega?
A USC ten magníficos humanistas, en filoloxía, en historia, etc. E o mesmo ocorre coas ciencias: temos presidentes de sociedades científicas galegas, nacionais e internacionais. Xa a principios do século XX, os profesores da Facultade de Medicina de Santiago atraían xente de todos os sitios para estudar aquí. O contacto coa sociedade leva moitos anos presente na vida da USC.

¿Ser reitor cambiou a súa visión do Campus Vida?
Sempre dixen que era un proxecto moi ambicioso. O que non me gustou foi a forma en como se levou adiante. É un proxecto polo que temos que apostar. Permite conseguir algunhas axudas e que os nosos investigadores teñan unhas instalacións iguais que nos mellores sitios e aproximarnos en oportunidades a norteamericanos e a europeos.

¿Falta producir patentes?
O tema da propiedade intelectual e da propiedade industrial é novo para nós. Son partidario de difundir o coñecemento o máximo posible, pero é certo que a algúns resultados das investigacións se lles pode dar valoración económica, a través da propiedade industrial fundamentalmente. No ano 2008 a USC fixo 24 patentes. Quizais se puidesen facer, pero comparado con todos os anos anteriores está moi ben. O importante das patentes é que despois se comercialicen, porque patentar custa moitos cartos, e non ten sentido patentar algo só para o mercado nacional, hai que facelo para o mercado europeo ou o mercado mundial.

¿ Aínda que a USC é unha universidade pública, podería obter máis colaboración privada?
Sería moi desexable. Nunha universidade pública o financiamento público é fundamental, pero o financiamento privado debe ser complementario, nunca substitutivo. As taxas académicas non cobren o 15% do custo da universidade, pero iso é o que lle dá o sentido social á universidade, a súa capacidade de inclusión social. ¿É vostede partidario de subir o prezo das matrículas? Persoalmente non son partidario. Agora, non pode ser que as cousas suban e nós manteñamos as mesmas taxas. Tamén hai unha alternativa que a min me parece aceptable: aumentar moitísimo as bolsas de estudo, para que ninguén quede sen opción a estudar na universidade, e aqueles que poden pagar, que paguen, como fan nas universidades anglosaxoas. Agora ben, iso non o podemos facer se as bolsas só representan o 15 ou o 20 por cento do total. Nos países anglosaxóns as fortunas colaboran coa universidade moitísimo máis ca en Galicia, salvo honrosas e contadas excepcións. É un problema cultural. Aquí non hai un sentido do mecenado moi forte, e é certo que en Galicia tamén hai grandes fortunas. No Reino Unido hai un dito que di que se pode viaxar de Cambrigde a Londrés pisando todo o tempo terreos da Universidade de Cambridge. É así, porque nun momento da súa vida os egresados da Universidade de Cambridge recoñecen que a súa posición na sociedade foi froito do coñecemento que lle achegou esa universidade, e móstranlle o seu agradecemento facéndolle doazóns, financiando cátedras, creando fundacións.

¿A educación debe ser unha das prioridades das políticas dos gobernos se se quere ir a un novo modelo de crecemento?
Por desgraza a educación non está entre as prioridades das axendas dos que ostentan o poder na sociedade. Hai que darlle a volta a iso, e pasar a converter a educación nunha das súas prioridades, porque quizais a sociedade non sexa consciente da importancia que ten. Con todo, todo o mundo quere mandar os seus fillos a estudar na universidade, aínda que esa demanda non se traslada ós representantes da sociedade porque a xente a dá por suposta, e aquí non hai nada que se poida dar por suposto. O que se traslada é que para a sociedade ten máis importancia facer estradas, e iso tradúcese logo na repartición do gasto público.

¿A crise marca un cambio de prioridades en favor de máis formación e de máis investigación?
É verdade. Pero eu quero ver canto antes o AVE en Galicia. Hai 18 anos que o AVE chegou a Sevilla, e o que iso supuxo para Andalucía! A AVE axudará a Galicia a integrarse; o ferrocarril estámolo utilizando pouquísimo, e temos que usalo moito máis. A USC recolle todos os anos moitísimo diñeiro en investigación, grazas ó traballo que nese sentido facemos os investigadores. Pénsese que, de sempre, a Administración non nos dá diñeiro para investigación, dáo para a docencia, e somos nós os que temos que buscalo, mediante contratos con empresas, participando en convocatorias europeas, nacionais e galegas onde hai que competir. A USC, grazas ó esforzo que están facendo os profesores, consegue recadar nestes momentos uns 70 millóns de euros ó ano. Cantidade que representa o 25% dos recursos totais da USC. Son optimista: chegará o momento no que a sociedade será consciente do moito que lle deu a USC.

¿Algúns exemplos do moito que lle deu?
Os cinco presidentes da Xunta de Galicia son titulados da Universidade de Santiago: dous economistas, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño; dous licenciados en Dereito, Manuel Fraga Iribarne e Alberto Núñez Feijóo, e un médico, Gerardo Fernández Albor. Actualmente, os tres reitores das tres universidades galegas son titulados da USC. Ademais, sempre temos alguén no Goberno da nación. Agora mesmo, o ministro de Xustiza e a ministra de Medio Ambiente son titulados da USC. Iso non é prestar un servizo á sociedade? E hai moitos outros exemplos de titulados da USC que están colaborando en mellorar o país. Hai que conseguir que iso o visibilice a sociedade, porque axudará a pór a educación e, concretamente, o ensino universitario na axenda das prioridades dos Gobernos.

EL PERFIL
"En nadal cantaba o stille nacht "
¿En que lecturas anda?
Estou lendo un libro de Robert Harris, O poder na sombra.
¿Vai con frecuencia ao cine?
Pois non tanto como lle gustaría á miña muller.
¿E ao teatro?
Vou ao teatro de cundo en vez. A última obra que vin foi As cuñadas, de Tremblay.
¿Que tipo de música adoita escoitar?
Gústame toda e, desde logo, a música clásica. A miña avoa materna tocaba moi ben o piano, e de pequenos, polo nadal, cantabamos na súa casa o Stille Nacht (Noite de Paz). Ela era austriaca. Son un abonado do Auditorio para todo o ano. De Via Stellae vou ir a tres concertos, xa os teño seleccionados.
¿Cales son as súas preferencias en artes plásticas?
Gústame o impresionismo. Teño uns cantos gravados, algúns de Santiago Mayer, e algunha pintura de Rafael Romero Masiá, gústame a súa etapa hiperrealista.
¿A arquitectura é arte?
Si. Algún edificio de Frank Lloyd Wright é xenial.
¿Viaxa moito?
Viaxei a moitos sitios. Gustaríame volver a Lake Louis, en Alberta, Canadá. Boto de menos os anos que vivín en Arabia. ¿Cociña?
Non cociño nada ben.
¿Como se leva co teléfono móbil?
Tardei en telo. Pérdese liberdade. Pero foi un adianto.
¿E co PC portátil?
En 1984 comprei un IBM.

Fonte: http://xornal.usc.es