Oficina CEER
 03-01-2011
A USC RECADA PRETO DE 20.000 EUROS NA OLIMPÍADA SOLIDARIA DE ESTUDO PARA A REHABILITACIÓN DE CATRO ESCOLAS EN HAITÍ

A oitava edición da campaña, que consiste en que cada hora de aprendizaxe se converte nun euro para proxectos solidarios, desenvolveuse de novembro a decembro nos campus de Santiago e Lugo.

Un total de 19.859 horas de estudo, convertidas en outros tantos euros, foi o resultado na oitava Olimpíada Solidaria de Estudo, que entre o 5 de novembro e 5 de decembro pasados, se desenvolveu na Universidade de Santiago de Compostela. Trátase de catro mil cincocentos euros máis que a pasada edición, na que recadaron 15.272 € por horas de aprendizaxe realizadas nas salas e bibliotecas dos campus compostelá e lugués.

A falta dos resultados globais, Galicia foi a comunidade española que rexistrou un maior número de participantes fronte ao segundo posto acadado en 2009. Unhas cifras que tamén teñen o seu reflexo na universidade compostelá, que se sitúa á cabeza en número de horas solidarias de estudo.

A olimpíada solidaria, na que participan centros e entidades de 15 países distintos, está organizada pola Fundación Coopera e Cooperación Internacional e ten por obxecto recadar fondos para proxectos educativos. Na USC esta colaboración realízase a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua. Concretamente, 18 centros do campus de Santiago e 3 do de Lugo involucráronse na oitava edición desta campaña solidaria.

O diñeiro recadado en 2010 irá destinado á rehabilitación de catro escolas en Haití e á reinserción escolar de 4.832 nenos dende o punto de vista físico e psicolóxico. Cabe recordar que o país sufriu hai preto dun ano un terremoto que deixou a preto de setecentos mil nenos en idade escolar sen colexios.

Datos.
No que respecta aos resultados obtidos na USC, hai que salientar que a universidade compostelá segue a incrementar notablemente a súa participación nesta actividade solidaria. Concretamente, aumentou en 4.587 as horas de estudo solidario respecto á campaña desenvolta en 2009. Por centros, destaca a biblioteca Concepción Arenal, situada no Campus Vida de Santiago, con 5.708 euros recadados por outras tantas horas de aprendizaxe. A continuación, séguenlle a sala de estudo da Facultade de Farmacia con 2.141 horas, a biblioteca Intercentros de Lugo con 1.981 e Física con 1.508. Tamén cabe salientar que a participación feminina duplicou á masculina no cómputo total de horas rexistradas e foi maior en case todos os centros, tal e como de detalla na seguinte ligazón: http://xornal.usc.es/xornal/acontece/2010_12/noticia_0088.html



Fonte: http://xornal.usc.es