Oficina CEER
 03-01-2011
ALEXANDRE BÓVEDA. DA VIDA E O COMPROMISO 1903-1936

Aberta ao público pontevedrés ata o vindeiro 9 de xaneiro no Pazo da Cultura, unha exposición aviva a figura de Alexandre Bóveda no 75 aniversario da súa morte.

Inclúe unha selección de obxectos persoais do propio galeguista.

Unha mostra que manteña viva a súa figura no seo da sociedade galega. Este propósito é o que a exposición Alexandre Bóveda. Da vida e o compromiso 1903-1936 quere transmitir á toda a cidadanía pontevedresa, facendo fincapé en todas as contribucións que Alexandre Bóveda fixo en vida para o progreso de Galicia. “Desde a cátedra que leva o seu nome quixemos divulgar unha vez máis a súa vida, o seu pensamento e o seu compromiso por esta terra, que se manifesta en todas as facetas da súa vida e en tan poucos anos de labor profesional”, explicou Álvaro López Mira, director da Cátedra Alexandre Bóveda. Esta exposición convértese no marco referencial do 75 aniversario da súa morte, xa que no agosto do 2011 fará 75 anos que o fusilaron.

A exposición achega unha visión moi íntima e persoal de Alexandre Bóveda, porque ademais de dispor de cinco paneis informativos e unha proxección audiovisual de carácter biográfico e testemuñal, conta cunha exhibición de obxectos persoais que lle pertenceron en vida e “e que evidencian a súa actividade en todos os eidos, que non foron poucos, e moi diferenciados”, tal como apuntou López Mira. Así, destacan fotos persoais coa súa dona Amalia Álvarez Gallego, un plano deseñado e feito a man polo propio Alexandre Bóveda da Caixa de Aforros de Pontevedra “participando activamente na súa fundación”, catálogos, libros e papeis sobre a consecución do Estatuto de Autonomía de Galicia e das súas achegas “á Coral Sinfónica, á Misión Biolóxica de Galicia ao eido fiscal”. Ademais, de entre todos os obxectos o que destaca sobre os demais son as cascas do piñeiro no que o fusilaron, “recollidas por unha amiga da súa muller e envoltas nun pano desde entón, a familia consérvaas como un tesouro”, conta o director da cátedra. Esta compilación de documentación manuscrita compleméntase coa que xa está disponible dixitalmente na páxina web aberta recentemente para todo o público e en especial para os investigadores interesados en afondar na figura de Alexandre Bóveda.

Esta mostra non sería posible sen a contribución da familia Bóveda. “É asombroso como nun contexto de medo e terror puxeron por diante o cariño e a memoria de Alexandre Bóveda que o risco de ser descubertos, perigando a súa propia vida”, en palabras de López Mira. Grazas a súa valentía “consérvase este gran patrimonio histórico que podemos visualizar e gozar na actualidade, pudendo realizar unha homenaxe a súa memoria”. Dalgunha forma semella que daquela, a propia familia xa era consciente do valor e importancia do labor de Alexandre Bóveda na historia galega.

Alexandre Bóveda. Da vida e o compromiso 1903-1936 está aberta a todo o público no Pazo de Cultura para dar a coñecer sinteticamente quen era, porque como explicou López Mira “a figura de Alexandre Bóveda non é estudada polo alumnado galego nin na ESO nin no Bacharelato o que conleva que nas novas xeracións ninguén o coñeza”. Esta situación de descoñecemento xeral é un dos motivos polos que “desde a cátedra seguimos traballando na explicación de quen era e o relevo que ten hoxe en día o seu pensamento e obra”.

Unha figura importante na historia de Galicia.
Álvaro López Mira quixo destacar o papel transcendental que Alexandre Bóveda desempeñou na consecución do Estatuto de Autonomía de Galicia “pois se temos Estatuto de Autonomía do ano 1981 foi porque se aprobou en referendo no 1936 sendo o auténtico impulsor grazas a súa oratoria e capacidade de convicción e negociación”. Ademais foi precursor temas como a autonomía fiscal de Galicia, básica para lograr a autonomía política o que levou “a que moitos economistas se sorprendan do vangardistas que eran as súas propostas”, engadiu.

A exposición estará aberta para todo o público ata o vindeiro 9 de xaneiro do 2011. Mais, estase barallando a posibilidade de que “percorra todos os puntos posibles de Galicia ao longo de 2011 como conmemoración do 75 aniversario da súa morte”, tal como apuntou López Mira.

Fonte: http://duvi.uvigo.es