Oficina CEER
 05-01-2011
DOCENTES DA FACULTADE DE BELAS ARTES EXPOÑEN A SÚA VISIÓN PARTICULAR DA PAISAXE

Estará aberta ao público ata o 5 de febreiro de 2011 na galería May Moré, en Madrid.

Participan os artistas Elena Fernández, Ignacio Pérez-Jofre, Bosco Caride e Juan Rivas.

A creatividade, a inspiración e a arte forxadas na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra atópanse estes días representadas en Madrid coa exposición colectiva Paisajes Artificiales, na que participan os docentes da facultade Elena Fernández e Ignacio Pérez-Jofre, ademais de Juan Rivas, licenciado no mesmo centro e o artista vigués Bosco Caride. Nesta mostra preténdese achegar unha “mirada renovada do tradicional xénero da paisaxe, que se transformou dun xeito inevitable nunha contorna construída polo home, de carácter artificial”, en palabras de Ignacio Pérez-Jofre.

Paisajes Artificiales é o resultado do traballo deste catro artistas, que grazas “ao interese común polo territorio como espazo habitado” levaron a cabo a materialización da súa visión conxunta e ao mesmo tempo particular da paisaxe, alterada pola propia percepción do ser humano e tamén manipulada ao seu beneficio. Así, o título da exposición conleva unha dobre vertente, por un lado relacionado coa idea de que un espazo percibido é sempre unha construción cultural, unha imaxe mental que pasa polos filtros do ser humano, afastándoa da realidade natural. Por outra banda, a exposición recibe o adxectivo de “artificial” pola “desaparición, en sentido estrito, do territorio natural”, o que se traduce en que a man do home altera toda a contorna que o rodea, non deixando espazos “orixinais, naturais, autónomos e inabarcables”.

Os artistas Elena Fernández, Ignacio Pérez-Jofre, Bosco Caride e Juan Rivas son os verdadeiros protagonistas de Paisajes Artificiales. A través da mostra a profesora Fernández quere reflexar metáforas visuais sobre o individuo contemporáneo en relación coa contorna. Pola súa parte o tamén docente na Facultade de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre opta por centrar a súa atención en aspectos próximos e cotiás “que saen ao paso, promovendo unha actitude reflexiva sobre o mundo que nos rodea”. Bosco Caride quixo expor unha mestura de presenzas naturais nun medio urbano, a través de imaxes de árbores e fachadas de edificios. O cuarto dos artistas, Juan Rivas, amosa o territorio no que se move e representándoo “tal como o ve, desprovisto de filtros estéticos herdados”. Aínda que cada colección manifesta a personalidade artística de cada un, “nelas percíbense relacións temáticas e estéticas comúns, o que permitiu montar a exposición intercalando de maneira rítmica traballo de uns e outros sen caer na confusión”, explicou Pérez-Jofre.

Colaboración constante.
Tal como apuntou Ignacio Pérez-Jofre, verdadeiro executor da exposición, “os catro artistas temos moita relación tanto a nivel profesional como persoal e estamos continuamente intercambiando ideas, comentarios e información”. Así, de forma paralela ao desenvolvemento das súas carreiras individuais, conforman o grupo de traballo Los Profesionales, dedicándose a labores de pintura, ilustración e deseño.

A mostra Paisajes Artificiales está aberta ao público ata o vindeiro 5 de febreiro de 2011 na galería de arte madrileña May Moré: http://www.galeriamaymore.com/

Fonte: http://duvi.uvigo.es