Oficina CEER
 07-01-2011
A MATRÍCULA NA UNIVERSIDADE DA CORUÑA AUMENTA EN TODOS OS NIVEIS ACADÉMICOS

A Universidade da Coruña aumentou este curso a matrícula de novos alumnos en todos os tramos académicos: niveis de grao, mestrado e doutoramento. Deste xeito, no nivel de grao inscribíronse na entidade académica coruñesa un total de 3.773 novos estudantes, o que supón un 3,2% máis que o curso anterior. Esta cifra elévase a 5.363 en novos alumnos que se matricularon por primeira vez na UDC en todos os seus programas académicos, fronte aos 4.586 do curso pasado.

En total, cursarán estudos nos campus coruñeses e ferrolán 23.395 alumnos, o que vén sendo un 4,1% máis que o ano pasado. Deles, 2.383 están matriculados nos niveis de mestrado e de doutoramento, o que significa un 7,6% máis que o curso anterior. Estes datos son, de todos os xeitos, provisionais, posto que a matrícula de moitos dos posgraos propios da Universidade da Coruña non se abrirá ata este mes polo que as cifras poderían así verse incrementadas. A evolución na matrícula na Universidade da Coruña segue a tendencia positiva xa constatada o curso anterior.

Fonte: http://www.udc.es