Oficina CEER
 13-01-2011
O PROFESOR FRANCISCO HERRERA DESTACA O NIVEL DE CALIDADE DA INVESTIGACIÓN REALIZADA NA USC

Considera que se atopa nun nivel de calidade “moi boa”, e subliña o traballo desenvolvido en Matemáticas, Tecnoloxías da Información e Medicina.

A investigación na Universidade de Santiago “atópase nun nivel de calidade moi boa”, segundo a opinión do profesor Francisco Herrera, quen pronunciou este mércores 12 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría a conferencia ‘Cienciometría e Bibliometría: algúns datos das Universidades españolas’. Herrera, un dos autores do recentemente publicado ‘Ranking ISI das Universidades Españolas, destacou ademais o traballo que se ten desenvolvido na institución compostelá en áreas como Matemáticas, Tecnoloxías da Información ou Medicina.

Na conferencia, que forma parte dun ciclo promovido por Campus Vida, Francisco Herrera explicou o funcionamento dos principais rankings que miden a investigación científica mundial. Segundo a súa opinión “os rankings que avalían as investigacións das universidades son positivos e moi útiles. A única materia pendente é que non miden a transferencia de coñecemento”. Neste senso, o profesor considerou que o Campus de Excelencia Internacional Campus Vida terá un impacto moi positivo na mellora da investigación da USC dende a perspectiva internacional.

Na súa intervención, o experto realizou unha visión global das metodoloxías e indicadores máis difundidos, como poden ser o ‘índice h’, os ‘Journal Citation Reports’ (JCR) ou o propio índice IFQ2A do ranking ISI das Universidades españolas. Este último nace da colaboración dos membros dos grupos de investigación ‘Evaluación de la Ciencia y la Comunicación Científica - EC3’ das Universidades de Granada e Navarra e ‘Soft Computing and Intelligent Information Systems - SCI2S’ da Universidade de Granada.

A diferencia doutros o ISI organízase en campos científicos e utiliza períodos de dez (2000-2009) e de cinco anos (2005-2009), tentando así dotar de estabilidade aos resultados e detectar posibles cambios na actividade científica. O seu método de ordenación baséase en seis indicadores bibliométricos de produción e impacto que miden os aspectos cualitativos e cuantitativos da produción científica das universidades españolas.

O ranking tamén emprega como fonte de información as bases de datos de Thomson-Reuters (antigo ISI) Web of Science e Journal Citation Reports. Estes produtos son una selección das mellores revistas de ámbito mundial e referencia básica das axencias de avaliación nacionais como CNEAI e ANECA. O obxectivo final é descubrir as fortalezas e debilidades do sistema universitario español de investigación en diferentes ámbitos do coñecemento.

Na intervención destacou tamén as particularidades da cienciometría e a bibliometría como as ramas encargadas da medición dos resultados da propia ciencia. Á sesión asistiu o vicerreitor de Investigación, Francisco González.

Francisco Herrera.
Francisco Herrera, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial é, atendendo ao ‘h index’ ao que tamén se referiu, o investigador nacional máis destacado da súa área e un dos investigadores internacionais máis citados no seu ámbito de traballo.

Autor de preto de 200 publicacións en revistas.
internacionais, varios libres e director de máis de vinte teses, foi merecedor pola súa traxectoria investigadora do Premio Nacional de Informática ‘Aritmel’, outorgado pola Sociedade Científica Informática de España, e o IV Mamdani Prize for Soft Computing, que promoven Cajastur e o European Centre for Soft Computing. Ademais é profesor convidado externo dende hai varios anos no Máster de Investigación en Tecnoloxías da Información impartido polo Departamento de Electrónica e Computación da USC.

Fonte: http://xornal.usc.es