Oficina CEER
 14-01-2011
O CAMIÑO DA EXCELENCIA UNIVERSITARIA TAMÉN PASA POLO VOLUNTARIADO

A Universidade desenvolve múltiples programas solidarios propios e con ONG.

Traballando con discapacitados, terceira idade, enfermos, inmigrantes e na inclusión social.

Non todo son clases, horas na biblioteca, cafetarías e deportes. A vida universitaria, como etapa de formación integral das persoas, ábrese a un abano de posibilidades no que a solidariedade e participación se refire. Para estes voluntarios a Universidade de Vigo ten deseñado un programa amplo que comprende eidos de actuación como a terceira idade, a infancia, os colectivos desfavorecidos, o medio natural ou o mesmo o apoio a estudantes con necesidades especiais. Deste xeito, os programas son tanto propios como en colaboración con asociacións e ONG que teñen como obxectivo promover a integración do estudantado na realidade social e favorecendo comportamentos colaborativos e asociativos tanto dentro do eido universitario como da contorna social. O vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, aposta por dar un paso adiante, por valorar como se mereces este tipo de “formación imprescindible”, unhas actividades que incluso xa as empresas valoran nos currículos para a selección do persoal.

Dende a Área de Voluntariado e Integración teñen en marcha varios programas e actividades e traballan para poder ampliar esta oferta en colaboración con institucións como o cárcere da Lama ou a Cruz Vermella. “O que tratamos é de ofrecer educación de vida, tanto para o estudantado como para o persoal de administración e servizos e os docentes, todos poden dispoñer de dúas horas á semana para poder coñecer outras realidades e colaborar”, explica Carmen Álvarez, xefa de negociado do SIOPE.

Posta en valor da formación das persoas.
Para potenciar e fomentar a participación da comunidade universitaria nas actividades solidarias o vicerreitor aposta por recoñecer con créditos de libre elección as acción de voluntariado. “Hoxe o voluntariado é un dos índices de calidade que se teñen en conta para o financiamento da universidades e temos que potencialo para ser excelentes”. Con todo, ademais de ser un complemento formativo, Costas é partidario de que o voluntariado se transforme nunha materia transversal nas titulacións.

Diferentes ámbitos de actuación.
Todos aqueles membros da comunidade universitaria interesados en ser voluntarios teñen ante si un amplo abano de posibilidades que van dende o acompañamento hospitalario, o voluntariado medio ambiental, traballo con infancia, deportes, intercambio lingüístico, apoio a estudantes con necesidades especiais, etc.

De carácter propio son programas como o Piune, Programa de Integración de Universitarios con Necesidades Especiais, que busca voluntarios que axuden na integración e no día a día a compañeiros con diferentes discapacidades como persoas en cadeira de rodas ou axudar a coller apuntes a alumnos cegos. Outra das iniciativas integramente universitarias é o Gruvi, un proxecto que recupera ordenadores vellos e os dota se software libre para doar a entidades sociais da contorna. A estes únense os voluntario dos programas ambientais levados a cabo pola Oficina de Medio Ambiente.

Xa en colaboración con asociacións e entidades, a Universidade ten en marcha e porá máis en servizo, varias iniciativas de colaboración por exemplo coa Cruz Vermella, con Cogami, Aspanaex, Fundación Juan Soñador, Afaga, a Asociación Española contra o Cancro, Médicos do Mundo ou a Fundación Secretariado Xitano. Man a man con estas organizacións desenvólvense programas por exemplo de acompañamento en hospitais, apoio á terceira idade con programas de lectura, recollida de historias e tradición oral, con rapaces na formación informática e de novas tecnoloxías, apoio a colectivos desfavorecidos, programas en cárceres como a de A Lama, actividades de intercambio lingüístico con alumado estranxeiro, traballo con drogodependentes ou alfabetización de adultos e nenos.

Formación complementaria.
Partindo da base de que non basta con querer, tamén hai que saber, a Área de Voluntariado e Integración seguirá poñendo en marcha os cursos de voluntariado que se veñen impartindo nos últimos cursos dentro da programación de obradoiros de Extensión Universitaria. Baixo este paraugas os interesados en ser voluntario poderán recibir formación previa básica e tamén específica centrado no eido de actuación que lles interese. “Tentamos facer tamén un seguimento, que non se sintan sos, que vexan os eu traballo de voluntario como un esforzo de grupo”, explica Carmen Álvarez e apunta que se está a traballar tamén o recoñecemento destes labores solidarios con créditos de libre elección igual que se ven facendo con actividades culturais e deportivas.

Fonte: http://duvi.uvigo.es