Oficina CEER
 19-01-2011
A CURIOSIDADE CONVÉRTESE EN IMPRESCINDIBLE PARA SER UN BO PUBLICITARIO

Internet facilitou moito os accesos ás novas tendencias do audiovisual.

Así o destaca Santiago Romero, creativo galego que imparte clases no Máster de Dirección de Arte Publicitaria.



“Hai que mirar, mirar, mirar, mirar… pero non por obrigación, senón porque che sae”. Con estas palabras o creativo galego Santiago Romero definiu a esencia dun bo profesional que se dedique ao mundo publicitario e audiovisual. Imparte a materia de Elaboración da Mensaxe Publicitaria no Máster de Dirección de Arte Publicitaria na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ademais de estar ao fronte de Verve Audiovisual, unha das principais produtoras publicitarias de Galicia. Considera que a formación e a actualización constante é imprescindible para “un mundo que está continuamente cambiando, no que o que se aprende en primeiro de carreira pode que ao saír da facultade xa estea obsoleto”, aclara.

Por iso insta ao alumnado de Publicidade e Comunicación Audiovisual a que adquira durante os anos de carreira toda a cultura audiovisual que teñan ao seu alcance, estando ao pendente das novas tendencias pois “se queres facer publicidade tes que ver toda a que sexa posible e o que está a suceder”, en palabras de Santi Romero. Labor que se facilitou moito co libre acceso a Internet, “chegando todo ao teu ordenador”.

En moitas das carreiras que se estudan, a formación comeza cando se sae da universidade, “quedando todo por aprender”. O creativo publicitario resaltou a importancia de adquirir coñecementos “atemporais”, ir desenvolvendo habilidades afíns á personalidade de cada un, nas que despois poder especializarse, deixando a un lado a tecnoloxía, que muda constantemente. “Dáme igual que escribas Hamlet a máquina ou a lapis, o que importa é que escribas Hamlet”, así exemplifica a importancia de traballar as capacidades necesarias para a creación audiovisual. En definitiva, no mundo publicitario e audiovisual búscanse “persoas que sexan quen de aprender, con ganas e que estean dispostos a traballar”, resume Romero.

As vantaxes das novas xeracións.
Para Santiago Romero as novas xeracións de estudantes contan cunha gran vantaxe con respecto ás anteriores, xa que poden empezar a crear as súas propias pezas audiovisuais desde o momento en que o consideren pertinente, grazas á democratización dos medios de produción. “Na actualidade pódese producir unha peza audiovisual feita co talento e cun teléfono, podéndoa subir a Youtube e que a vexan 3 millóns de persoas, logrando unha repercusión mundial. Que pensen e se aproveiten diso”, reflexiona. Isto permite avanzar, acadar experiencia, aproveitando os medios ao alcance “para ir sempre cara adiante”.

Panorama actual.
Posuidor de varios premios do panorama publicitario internacional, entre os que destacan varios Leóns do Festival Internacional de Publicidade de Cannes, o fundador de Verve Audiovisual considera a Galicia “como unha rexión privilexiada en canto ao audiovisual”. Por unha banda, pola gran capacidade de produción das produtoras galegas, sobre todo no mundo da animación, desencadeando “nunha grande industria que en pouco tempo producirá máis e mellor”. Por outra, o territorio galego é especial para o audiovisual grazas a que é un “escenario natural extraordinario” o que pon a disposición unha gran variedade de localizacións para rodar pezas audiovisuais. “Ofrece, ríos, mar, montes, dunas, aldeas, cidades… un montón de lugares nos que poder gravar tantas historias diferentes”, apunta.

Na súa produtora publicitaria adoita recibir clientes que veñen cunha idea equivocada nas súas mentes. “O curioso é que queren o que xa viron e o problema é que iso xa está feito”, explica Santiago Romero. Queren o desenvolvemento de campañas de grandes marcas, pero cun orzamento reducido o que Romero define “como un ridículo espantoso ademais de tirar co diñeiro porque é imposible igualarse a unha das grandes coa vixésima parte do diñeiro”. Por iso como profesional publicitario soe aconsellar aos seus clientes que a mellor forma de compensar esa falta de orzamento é na procura doutras fórmulas, “suplindo con creatividade o que falta en medios”, conclúe.

Fonte: http://duvi.uvigo.es