Oficina CEER
 19-01-2011
O CAMIÑO CARA EUROPA PASA POLA EURORREXIÓN

O Máster en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial acada a súa 3ª edición.

Portugal preséntase como aliado estratéxico de Galicia en Bruxelas ante o fin dos fondos de cohesión.

Galicia deixará de percibir a partir do 2013 os fondos europeos de cohesión e abrirase un novo escenario no que debe competir poñendo en valor as súas capacidades en Europa. Nesta nova conxuntura, a Eurorrexión Galicia Norte de Portugal preséntase como unha ferramenta útil para promover o desenvolvemento e achegarnos aos niveis da Unión Europea. Segundo o reitor da Universidade, Salustiano Mato, neste contexto “a formación de xestores que sexan capaces de aprehender correctamente as coordenadas da programación comunitaria 2007-2013 para poder actuar con vantaxes competitivas neste escenario, revélase decisivo para o desenvolvemento dos territorios que conforman a Eurorrexión”. Esta é a aposta do Máster en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial que acada este ano a súa terceira edición formando aos profesionais máis cualificados, con amplos coñecementos da UE e das políticas vencelladas ao desenvolvemento rexional.

Obxectivo Europa.
No acto de presentación do mestrado interuniversitario, que contou coa presenza do presidente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso e do reitor da Universidade do Minho, António M. Cunha, púxose de manifesto a necesidade de formar especialistas en políticas públicas comunitarias capacitados para deseñar as estratexias de desenvolvemento endóxeno da eurorrexión. Segundo apuntou Mato, este mestrado axudou, nas súas tres edicións, “a formar 90 especialistas cubrindo un déficit histórico e axudando a aproveitar as oportunidades que ofrece o programa Marco”. Ademais, o reitor salientou a necesidade de “adestrar de cara ao 2014”, cando queden atrás os fondos de cohesión, un punto de inflexión a partir do cal o futuro “pasa por Bruxelas como trampolín cara ao mundo”. De cara a este escenario avogou por aumentar a masa crítica, polo traballo cooperativo na Eurorrexión e tamén na Macrorrexión con Castela e León, ao abeiro da que xa se creou un grupo de traballo de reitores e da que o propio reitor vigués é o coordinador en temas de educación superior e I+D.

Con todo, o reitor demandou un maior coñecemento das oportunidades que ten a Eurorrexión ata o 2013, “unhas axudas que aínda non somos quen de aproveitar ao 100%, que non absorbemos; unha eiva que os profesionais que forma este mestrado poden axudar a eliminar”.

Para o presidente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso, o norte de Portugal representa tamén unha alianza estratéxica non só para a entidade, senón para a economía e o crecemento de Galicia en xeral. “Galicia e o norte de Portugal foron sempre para nós case o mesmo, e fomos os primeiro en identificar este dobre mercado como unha unidade na que temos 10 das nosas 30 oficinas no estranxeiro”, apuntou. O presidente da caixa, que financia a Cátedra da Eurorrexión, quixo aproveitar a súa intervención para reafirmar o seu apoio á Universidade, “da que participamos na súa creación” e co Campus do Mar como penúltima colaboración. Gayoso amosouse convencido tamén do acerto das propostas do reitor de “acabar co café para todos que lle presentou á Xunta de Galicia” en materia de financiamento universitario, “algo que me soa a música celestial”.

Un mestrado interuniversitario e internacional.
O Máster en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial, da man das universidades de Vigo e Minho, consolidouse xa como unha punta de lanza da colaboración entre as institucións educativas da Eurorrexión. O seu director, Luis Domínguez, explicou na presentación que nesta terceira edición o programa conta con 30 matriculados, 16 na Universidade de Vigo e 14 na de Minho e conta cun índice de inserción laboral dos seus titulados do 70%. De carácter semipresencial, este mestrado está ao abeiro da Cátedra da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e, segundo apunta o reitor luso António M. Cunha, “é un proxecto desafiante que sirve como punto de partida para outras colaboracións interuniversitarias”.

Mato coincidiu co seu homólogo de Minho en avanzar nas súas alianzas estratéxicas para conseguir resultados en Europa e neste camiño “os Campus de Excelencia Internacional e o concepto de mar van ser elementos capitais da Macrorrexión” como o é da Eurorrexión.

Fonte: http://duvi.uvigo.es