Oficina CEER
 25-01-2011
O PROGRAMA PARELLAES POSIBILITA O INTERCAMBIO LINGÜÍSTICO GALEGO-CATALÁN E CATALÁN-GALEGO ENTRE ALUMNOS DA USC

Permanece aberto o período de inscrición para as persoas interesadas.

Falar, conversar, parolar, laretar, estar de leira. Estas son as principais actividades que deberán acometer ás persoas que decidan participar no desenvolvemento do programa Parellaes. Unha iniciativa académica da área de Catalán do Departamento de Filoloxía Galega para intercambio lingüístico galego-catalán e catalán-galego entre alumnos da USC que falen estas dúas linguas e desexen aprender, practicar ou mellorar as súas destrezas nestes idiomas.

Os participantes terán a oportunidade de conversar coas súas respectivas parellas nun ambiente relaxado e axeitado para a práctica destes idiomas. Cada unha das parellas conformadas integrarana unha persoa catalanofalante e unha galegofalante para que os intercambios sexan bidireccionais e mutuamente enriquecedores.

Neste senso, o programa vai destinado, dunha banda, ao alumnado orixinario do ámbito lingüístico catalán que actualmente estuda na USC e, doutra, ao alumnado da universidade compostelá que curse actualmente ou teña cursado materias da Área de Filoloxía Catalá.

O obxecto é que os participantes, organizados por parellas, compartan unha ou dúas horas semanais ata o final do curso, podendo desenvolver o intercambio lingüístico onde acorden, tomando un café, paseando pola cidade ou saíndo pola noite. En función da dispoñibilidade horaria, afeccións e preferencias das persoas interesadas, asignaranse as parellas.

As persoas interesadas deberán escribir a mamerce.lopez@usc.es ou a dolors.perarnau@usc.es indicando uns datos persoais mínimos para dar a coñecer o seu nivel de lingua. Este programa será validable por un crédito de libre configuración para todas as titulacións da USC.

Fonte: http://xornal.usc.es