Oficina CEER
 25-01-2011
COMPOSTELA ACOLLE MAÑÁ 26 AS VIII XORNADAS SINDUR

O grupo de investigación GIST da Universidade de Santiago de Compostela vai celebrar, o vindeiro mércores, 26 de xaneiro de 2011, as VIII Xornadas SINDUR: Da Cidade Dixital á Cidade Aumentada, que terán lugar en Santiago de Compostela para impulsar a intelixencia social a partir das TIC, mediante a análise do que son as chamadas cidades aumentadas.

As xornadas desenvolvernase ao amparo do Plan Nacional de I+D+i, e a entidade organizadora convida a participar, previa inscrición de balde, a todas aquelas persoas interesadas en analizar o paso dunha cidade dixital a unha cidade aumentada, na que se impulsa a difusión de produtos territoriais, as empresas locais ou a sociedade civil… a través das redes sociais e Internet.

Este novo concepto da lugar a un debate crítico e creativo sobre estratexias de marketing territorial de cidades a partir da web 2.0 e as redes sociais, tendo presente que todo isto pode promover a creatividade, o emprendedurismo e a innovación na sociedade local.

Trátase, segundo afirman, “de usar a Internet como se fose unha gran lente ou lupa que aumenta a visibilidade da cidade na sociedade local, rexional, nacional e internacional. Unha gran lente como é a dun telescopio que permite ver os detalles das estrelas situadas a miles de quilómetros de distancia”.

Nunha primeira sesión as persoas asistentes terán a oportunidade de coñecer e debatir sobre o desenvolvemento da sociedade da información nos Estados Unidos e coñecer proxectos TIC de éxito levados a cabo en cidades e vilas para, a partir daí, analizar a súa viabilidade en Santiago de Compostela.

Na segunda sesión darase a coñecer en primeira persona a experiencia de creación dunha empresa de base tecnolóxica a partir do gist.idega da USC. E como se fai I+D+i dende o mundo profesional, co caso do colexio de enxeñeiros informáticos de Galicia.

O programa, que está dispoñible na páxina oficial do GIST, recolle asemade, tempo para facer preguntas e debatir sobre o tema proposto, así como unha comida de traballo coas persoas asistentes.

A USC expedirá certificados de asistencia para todas aquelas persoas que se acheguen a estas Xornadas.

Fonte: http://www.codigocero.com
Máis información: http://www.gist.es