Oficina CEER
 03-02-2011
O CEER PARTICIPA NO PROXECTO EUROPEO MIGRANET, COORDINADO POLA USC, QUE ESTUDARÁ AS POBOACIÓNS DE PEIXES MIGRADORES NO ESPAZO DO SUROESTE EUROPEO

O programa comezou as súas actividades este mércores no Colexio de San Xerome.

Investigadores de Francia, Portugal e España traballarán de xeito conxunto na creación e posta en marcha dun observatorio das poboacións de peixes migradores no espazo do suroeste europeo. Será no marco do proxecto Migranet, coordinado pola USC e cofinanciado polo Programa Interreg IV B-SUDOE, con fondos FEDER da UE.

As principais características deste proxecto presentáronas este mércores 2 en rolda de prensa o director da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con e coordinador do proxecto, Fernando Cobo, e o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil. Ao acto asistiron tamén o subdirector xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas da Xunta de Galicia, Emilio Rosa; o investigador do Institut National de la Recherche Agronomique (INRA), Etiene Prevost; o presidente da dirección do Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental (CIIMAR), João José Oliveira e representantes da Fundación CEER.

O proxecto, cun orzamento total de 824.827 euros cofinanciado ao 75 por cento con cargo a fondos FEDER, estenderase ao longo dos vindeiros dous anos co obxectivo principal de contribuír á conservación e recuperación das especies de peixes migradores e do seus hábitats, a partir dun mellor coñecemento compartido da súa situación real.

A posta en marcha do proxecto comezou a comezos de ano, e da un paso máis coa celebración este mesmo mércores no Colexio de San Xerome das primeiras xuntanzas das estruturas de coordinación e xestión do proxecto, o Comité Coordinador e o Científico Técnico. A seguinte fase será a posta en marcha dunha rede de control formada por varios ríos en Galicia (Umia e Ulla), Portugal (o tramo internacional do Miño) e en Francia (Nivelle).

Rede de control internacional.
A rede, con indicadores comúns nos distintos países, estudará os datos relativos ás poboacións de lamprea, anguía, sáibao, saboga, salmón e a forma migradora da troita común. Co tratamento da información recadada, o proxecto prevé o establecemento de directrices conxuntas para a explotación sustentable dun recurso de gran relevancia económica e social no territorio SUDOE.

A Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro de Con’ será o centro encargado de liderar a iniciativa, na que a USC participa conxuntamente con catro socios máis distribuídos entre España, Francia e Portugal, como son a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER), o Institut National de la Recherche Agronomique e o departamento de ecofisioloxía do Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade de Porto. Ademais, e como entidade asociada, tamén participa o Aquamuseu do Río Minho da Cámara Municipal de Vila Nova da Cerveira, que colaborará en determinadas fases do proxecto.

Fonte: http://xornal.usc.es