Oficina CEER
 04-02-2011
PARTICIPACIÓN DA UDC NO PRIMEIRO OBSERVATORIO UNIVERSITARIO CONTRA A DOPAXE

A Universidade da Coruña, como integrante da Conferencia Española de Institutos e Facultades de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, participará no primeiro Observatorio Universitario de Prevención e Diagnóstico da Dopaxe Deportiva que se crea en Europa. Este observatorio, que acaba de poñerse en marcha, ten como obxectivo analizar as causas sociolóxicas da dopaxe, orientar na súa prevención e propoñer medidas para combatelo. O centro é froito do acordo entre a Axencia Estatal Antidopaxe (AEA) e a citada Conferencia de Facultades. A sede inicial do centro será a Universidade de Castela –A Mancha (UCLM).

Unha das primeiras tarefas do Observatorio será concretar un temario específico que deberá aprobar o Plenario, que integran a AEA e o órgano interuniversitario, representado polos decanos de INEF da Coruña, Barcelona e Castela-A Mancha, así como da Universidade Europea.

O director da AEA, Javier Martín del Burgo, explicou no acto de sinatura do convenio para a posta en marcha do Observatorio, que a súa creación débese a que “a dopaxe é un fracaso da persoa”. Neste sentido, engadiu que “temos a obriga de traballar na súa prevención”, analizando os comportamentos que levan á dopaxe e traballando sobre o “diagnóstico, estudo, análise e elaboración de documentos científicos e sociogramas”. Así mesmo, a lexislación deportiva, os prexuízos para a saúde, as infraccións e sancións, así como a prevención “en base a traballos e enquisas que elaborará o Observatorio” serán parte dos contidos que abordará o centro, que non contará con ningunha dotación económica.

Fonte: http://www.udc.es/