Oficina CEER
 08-02-2011
A EDUCACIÓN INCLUSIVA ESIXE UN CAMBIO DE METODOLOXÍA NAS AULAS

Segundo Ángeles Parrilla, catedrática de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Vigo.

Defende a igualdade de oportunidades educativas con independencia de orixe social, cultura ou xénero.

Educación para todos e todas. Esa é a máxima que abandeira o proxecto da educación inclusiva que tentan desenvolver e consolidar moitos estudosos e expertos do eido, como Ángeles Parrilla, catedrática de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Vigo. Trátase dunha formulación que defende “a igualdade de oportunidades educativas para todos os nenos e nenas, independentemente da orixe social, da cultura, da etnia, da relixión, da capacidade, do xénero...” e que esixe un cambio de metodoloxía nas aulas e unha colaboración tanto interna, como entre centros escolares e coa localidade.

Parrilla define a educación inclusiva como “unha proposta de alcance mundial”, contextualizándoa nunha realidade social totalmente diferente “á de hai 30 anos” o que deriva en que “a escola se deba enfrontar a un alumnado completamente distinto, cheo de diversidade”. Agora ben, acadar este compromiso de equidade supón un reto moi grande, non se limita a que cativos de diferentes situacións sociais estean nun mesmo espazo, senón que “se pretende a mellora da calidade educativa para todo o alumnado a través de catro eixos: o dereito propio que todos teñen de ir a súa escola, a participación, a pertenza e a aprendizaxe”. Aclara ademais que se debe concibir a inclusión como un proceso, “non como un estado que se alcanza e xa está. É algo cara o que se camiña”.

A necesidade dunha metodoloxía “diversa”.
Aínda que neste eido se ten avanzado moito, semella que se deben mellorar as súas aplicacións prácticas. As indicacións da experta e do seu grupo de investigación no que participan docentes da Universidade de Vigo e da de Santiago, van orientadas cara dúas perspectivas, por un lado o cambio de metodoloxía didáctica e por outro a colaboración de todos os axentes escolares. A educación inclusiva supón un cambio moi importante no xeito de traballar nos centros, en concreto da forma de impartir clase. “Hai que ensinar desde a perspectiva da diversidade, renunciando a esa idea tan bonita e cómoda de imaxinar que se ten un grupo de nenos e nenas homoxéneo”.

Esta forma de concibir a ensinanza esixe un maior esforzo por partes dos docentes xa que “é necesario organizar a clase de varias formas para ensinar unha soa cousa e non desde un único método pedagóxico que veña no libro de texto, que como punto de referencia está ben, pero insuficiente”. Para que esta actitude se consolide, Ángeles Parrilla fala da necesidade dun cambio de cultura dentro dos centros, “que vexan a diversidade como algo positivo, que enriquece".

A importancia da colaboración.
Outro aspecto imprescindible na consolidación da educación inclusiva é a colaboración desde tres ópticas, interna, entre centros escolares e entre a comunidade educativa. Como explica a catedrática, “a educación inclusiva esixe unha vinculación moi importante entre as persoas comprometidas con ela a distintos niveis porque é moi difícil avanzar individualmente”. Así, o primeiro que se debe realizar é o establecemento da situación de partida de cada un dos centros, definindo “cal é o seu alumnado, profesorado, as súas fortalezas, as súas barreiras e a partir de aí marcar os puntos de traballo”. Ao mesmo tempo tamén é necesario que centros que compartan unha mesma realidade social interactúen, pois “este proxecto da educación inclusiva é tan complexo e tan amplo que os centros non poden ficar illados".

Pero, ademais dese traballo de avaliación interna e de cooperación entre centros, Ángeles Parrilla engade un terceiro foco de colaboración, que é o da participación de toda a comunidade educativa da localidade. Este elemento é o que resulta innovador no proxecto de educación inclusiva que a experta e o seu grupo de investigación están levando a cabo en A Estrada, incluído dentro do Plan Nacional de Investigación de I+D+i.

Fonte: