Oficina CEER
 08-02-2011
UNIVERSIDADE E CÍRCULO DE EMPRESARIOS CREAN UN FORO DE TRABALLO PARA FOMENTAR A INNOVACIÓN E O EMPRENDEMENTO

Baixo o nome Foro de Diálogo Universidade-Empresa.

Mellorar a inserción profesional dos titulados será outra dos eixes básicos de actuación.

Fomentar a transferencia de coñecemento, cooperar en innovación e promover a inserción profesional dos titulados son os principais obxectivos cos que este venres botou a andar o Foro de Diálogo Universidade–Empresa, unha nova iniciativa coa que Universidade e tecido empresarial buscan seguir incrementando a cooperación entre ambas entidades.“Trátase de dar un paso máis no camiño de intensificación de relacións co tecido produtivo”, subliñou o reitor, Salustiano Mato, que foi o encargado de presentar a iniciativa xunto co presidente do Círculo de Empresarios de Galicia – Club Financiero Vigo, Marcelino Otero.

Co obxectivo de harmonizar as capacidades da Universidade coas demandas e prioridades que se marca o empresariado galego, tal como lembrou o reitor, a Universidade busca con esta iniciativa, “axudar a través da innovación a que o noso tecido empresarial teña unha maior capacidade de absorción de talento de xente ben preparada” subliñou Mato, referíndose non só aos que acaban de graduarse, senón tamén á importancia de “facer volver” a aqueles que tras graduarse aquí desenvolveron a súa carreira profesional en Europa.

‘Fuga de cerebros’.
En referencia aos mozos que están vendo na Unión Europea unha oportunidade para o seu futuro inmediato, o presidente dos empresarios e o reitor coincidiron en salientar que o importante é crear os medios e posibilidades que fagan de Galicia un lugar atractivo “para que volvan e, esa experiencia que lograron fóra, reverta no futuro socioeconómico de Galicia”, tal como subliñou Otero.

Tamén en relación a esta ‘fuga de cerebros”, o reitor subliñou que o que estamos visualizando é que, por unha banda, temos un “gran nivel de formación” e que eses cerebros formados en Galicia son apetecibles e captados “nos mellores espazos de produtividade do mundo”, polo que é fundamental “facer competitivo o noso tecido socioeconómico” para lograr que volvan, algo que se pode conseguir ofrecéndolles proxectos “de maior desafío”.

Alto potencial de crecemento.
Concibido a modo de “taller de traballo”, tal como subliñou Otero, os integrantes do foro manterán reunións periódicas “de feito a primeira reunión xa tivo lugar esta mesma mañá”, especificou, co obxectivo de pór en común as necesidades de ambas partes e ir pondo sobre a mesa “propostas concretas”.

Como exemplos concretos das posibilidades deste foro, presidente de empresarios e reitor subliñaron que se facilitará ao empresariado información sobre investigacións e desenvolvementos de aplicación empresarial nos que se están xa a traballar os investigadores da Universidade. De feito a Universidade vai pasar a formar parte da Rede de Inversores Privados, Redinvest, co CFV como enlace entre inversores e proxectos empresariais de alto potencial de crecemento e articularase unha bolsa de emprego e prácticas para seguir mellorando na inserción laboral dos titulados.

Comité de expertos.
A xestión do Foro correrá a cargo dun comité do que forman parte membros da Universidade e tamén das empresas. Xavier Martínez Cobas, José Ignacio Armesto, Santiago Gómez Fraiz, Esteban López Figueroa e Inmaculada Anaya, por parte da Universidade, e diferentes integrantes por parte do sector empresarial, con representantes, entre outras firmas, do grupo Rodman Polyships, PSA Peugeot Citroën, Pescapuerta ou Pilotes Posada.

Fonte: http://duvi.uvigo.es