Oficina CEER
 10-02-2011
EXPERTOS INTERNACIONAIS ASISTEN AO TERCEIRO OBRADOIRO SOBRE ESTRELAS DOBRES ORGANIZADO POLO OBSERVATORIO ASTRONÓMICO DA USC

O ‘International Workshop Binaries Inside and Outide the Local Interstellar Bubble’ reúne este xoves 10 e o venres 11 na Facultade de Matemáticas a especialistas de Estados Unidos, Rusia, Francia, Italia, Armenia e España.

O evento é o terceiro destas características organizado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, centro especializado neste eido dende que o propio Ramón María Aller introducira o estudo das binarias en España. O principal atractivo das estrelas dobres reside en que a partir das súas órbitas é posible calcular a masa das estrelas, sendo este un parámetro esencial para a evolución estelar.

En Astronomía, as binarias resultan de grande interese por motivos diversos, sinalan os promotores do encontro, entre outros porque a súa dinámica “é un magnífico escaparate onde poden quedar reflectidos distintos fenómenos físicos de relevancia como perda de masa, influencia dos flares ou forma dos compoñentes". Ademais e como sinalan os expertos, nelas é posible detectar subcompoñentes e exoplanetas.

O Observatorio da USC edita desde 1993 a Circular de Información da Comisión de Estrelas Dobres da Unión Astronómica Internacional, ademais de dispoñer dun catálogo de órbitas en liña. O director do Observatorio, o profesor José Ángel Docobo, é na actualidade presidente desta Comisión, e o tamén investigador do Observatorio compostelán Vakhtang Tamazian membro do Comité de Organización. Ademais deles integran o equipo de investigación do Observatorio Josefina Ling, Manuel Andrade, Iván Fernández, e Pedro Pablo Campo.

Para acadar máis información sobre o encontro deste xoves, as persoas interesadas poden dirixirse á paxina web http://www.usc.es/astro.

Fonte: http://xornal.usc.es