Oficina CEER
 14-02-2011
A UDC ABRE UN NOVO ESPAZO CULTURAL CUNHA EXPOSICIÓN DE ARTE URBANA

A Universidade da Coruña abre o novo espazo de intervención cultural Normal cunha exposición de arte urbana.

O reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, inaugurou esta tarde o novo colector cultural na cidade da Coruña, Normal, xunto co presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín, e o vicerreitor de Cultura e Comunicación, Luís Caparrós Esperante. O novo espazo de intervención cultural abriuse cunha exposición de arte urbana comisariada polo artista vigués de carácter internacional Nano 4814 e amosa oito propostas de arte moza galega. A sala estará aberta de luns a venres en horario continuado de 9:00 a 22:00 con entrada gratuíta. A programación de Normal continuará o vindeiro día 11 deste mes coa performance “Operatorio” de Carlos Neira e Antía Otero. Con entrada de balde, poderá verse a partir das 21:00 horas do vindeiro venres.

A continuación, reproducimos os discursos pronunciados no acto de inauguración.

José María Barja, reitor da Universidade da Coruña:
“Queridos amigos e amigas que nos acompañades esta tarde. Compartiredes comigo a sorpresa pola cara nova e simpática que, sen a penas alterar o xesto, ofrece este vello edificio que fora un día Escuela Normal del Magisterio Primario. Eran aqueles demasiados apelidos para o que foi sempre coñecido na Coruña como La Normal e que agora abrevia inda máis o nome en NORMAL, a secas. E se antes era NORMAL con gravidade, agora é NORMAL con ironía porque o espazo nace para cuestionar a “normalidade”, o establecido como “normal”. Tampouco non debe sorprendernos. A fin de contas, non é ese o papel da Universidade? Non avanzamos no coñecemento mediante o cuestionamento permanente do establecido, do fixado, do que parece “normal”?
Creo que todos somos conscientes do cambio que supuxo no seu día, hai oito anos, a apertura do Paraninfo á cidadanía, ao debate, á música, á actividade cultural. Hoxe as xentes da Coruña perciben xa o Paraninfo como algo de seu. NORMAL ven para continuar esa liña de apertura, pero con cara máis amable e próxima que o Paraninfo. Oxalá consigamos ver estas salas cheas de xuventude que veña, non por obrigación, non para un exame, mais para ler unha revista de hip-hop tirado no Almacén ou para ver unha película de Lynch no Cubo ou para sorprenderse de que os graffiteiros entren con todo dereito nas salas de exposicións. Eu quero engadir: queremos que a cidadanía perciba a Universidade como cousa súa, que saiba que cando nos regatean medios ou cunha man nos din que compitamos e coa outra nos negan os medios para competir, están negándollelos a ela, ás xentes da Coruña. Isto é NORMAL. Aínda que non o pareza. Moitas grazas”.

Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da UDC:
“Soamente unhas breves palabras para expresar a miña satisfacción, como presidente do Consello Social da UDC, por intervir hoxe neste acto. Como todos vostedes saben, o Consello Social é o órgano de participación de sociedade galega na universidade e como tal lle corresponden competencias de relación entre a universidade e a sociedade.

Entre estas competencias están as de natureza cultural e, por iso, xa a Lei Orgánica de Universidades de decembro de 2001, di que o “Consello Social estará constituído por persoeiros da vida cultural, profesional, económica e social....“ e ínstalle a que aprobe un plan anual de actuacións destinado a promover as relacións entre a universidade e o seu contorno cultural, profesional, económico e social...
De xeito semellante, a Lei de maio de 2003 dos Consellos Sociais do Sistema Universitario Galego, reafirma as responsabilidades do Consello Social no eido da cultura e, en concreto, no seu artigo 3, cita a de “g) Favorecer as actividades orientadas a completar a formación científica, cultural e humanística dos universitarios...”
O anterior suxíreme a conveniencia de poñer hoxe de relevo a necesidade de que, entre os membros do Consello Social da UDC designados polo Parlamento e pola Xunta de Galicia, haxa máis persoeiros do mundo da cultura, de maneira que o Consello poida estar máis preto da Universidade na función que lle corresponde e que hoxe nos reúne aquí, de ser actor fundamental na dinamización cultural da nosa sociedade.
Non é casualidade que as universidades nacesen á calor e ao impulso do espírito de renovación cultural e intelectual do século XII que Haskins definiu en 1927 como “Renacemento cultural” no marco dun ambiente de promoción do humanismo occidental.
Hoxe podemos afirmar con convición que o coñecemento e a investigación nas humanidades e nas ciencias sociais, e non só nas ciencias experimentais e na tecnoloxía, son peza clave do progreso e que o futuro da civilización depende de que a Universidade non perda a súa esencia de ente humanístico que asume como obxectivo a formación integral do ser humano.
Conclúo xa reiterando os meus parabéns -que podo dicir como presidente do Consello Social, que son os da sociedade- á UDC por esta iniciativa cultural. Moitas grazas”.

Luís Caparrós Esperante, vicerreitor de Cultura e Comunicación da UDC:
“Benvidos, benvidas a NORMAL, espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña. Entendo a vosa presenza aquí como un voto de confianza no proxecto que comeza neste instante e que durará tanto como dure e se acrecente esa confianza. Moitas grazas. De entrada.
Como universidade, queremos concentrar neste espazo a nosa oferta cultural, especialmente a destinada á xente moza. Como universidade pública, queremos que este espazo no centro da cidade multiplique o seu impacto tamén sobre a mocidade non universitaria e sobre todas aquelas persoas que comparten unha concepción aberta da cultura –ou debera dicir das culturas– que non exclúa as políticas de xénero, a cooperación ou o debate de ideas.
Por todas esas razóns, optamos polo experimental e arriscado, polas novas linguaxes que aínda procuran o seu acomodo e que teñen tamén maiores dificultades para asomarse á cidadanía. Optamos pola hibridación e pola interdisciplinariedade das artes, especialmente das Media Arts. Procuraremos o equilibrio –sempre difícil, sempre discutible– entre calidade e experimentación e novidade e farémolo dentro dunha liña coherente de programación. De feito non queremos ser un centro cultural. Queremos ser espazo activo para o debate e a creación. Por iso optamos por definirnos como espazo de intervención cultural. O cubo que teño tras as costas será o motor de NORMAL: un espazo polivalente para cine, conferencias ou talleres, aberto e integrado na sala, coa xente sentada en cadeiras ou directamente nas gradas. Cando comecen en setembro as aulas da Universidade Sénior, no primeiro andar, e, sobre todo, cando inauguremos en setembro o teatro, que está no outro extremo do edificio, completaremos o proxecto e estaremos poñendo ao servizo da sociedade coruñesa todo o noso potencial.
Comecei con agradecementos e quero finalizar co meu agradecemento a todas as persoas que fixeron posible NORMAL. Aos arquitectos di Felice e Santos Zas e ao persoal técnico da Vicerreitoría de Infraestruturas polo espazo, tan brillante. Á xente de Cultura e Comunicación, moi especialmente, ao persoal e colaboradores que durante estes anos, uns antes e outros despois, foron sentando as bases de NORMAL, especialmente a Pablo, a Silvia, a David, a María, a Jorge, a Noemí e, cun plus de admiración, a Julia, a deseñadora.
Esta exposición, comisariada por Nano4814, quer ser como un chisco de ollo, un manifesto. Nano4814 representa o interese da xuventude, sexa de onde for, polas culturas urbanas, a do skate, do hip-hop, do graffiti, por citar o máis evidente. Nano, vigués, está lexitimado para facelo. En 2008 foi convidado pola Tate Modern de Londres para facer unha intervención e desde ese momento é figura internacional, malia que el pareza esquecelo con frecuencia”.

Fonte: http://www.udc.es