Oficina CEER
 14-02-2011
AS XEIRAS DEMOSTRAN CON ARGUMENTOS QUE O GALEGO SI VENDE

Clausuráronse este venres tras tres días de intensa actividade.

R, Caramuxo e Terras Gauda, tres firmas de éxito que comparten sinal de identidade: o idioma.

O galego vende e pode ser sinónimo de calidade. Naceron en Galicia, como proxectos integramente galegos e cunha clara sinal de identidade: o galego. A operadora R, a bodega Terras Gauda e a tenda de camisolas Caramuxo desmontaron este venres nas Xeiras o tópico de que a lingua galega non serve para as relacións comerciais. Non foi a única crenza que se desmontou, nesta última xornada da terceira edición das Xeiras lembrouse tamén a campaña En galego tamén se fai ciencia, impulsada polas tres universidades galegas e na que se fai fincapé en que a lingua galega é válida para todos os eidos e, a defensa do contrario, só pode ser froito da ignorancia ou da mala fe.

Éxito e singularidade.
Óscar Reboiras da operadora R, Xoán Quintáns de Caramuxo e Iago Becerra de Terras Gauda amosaron o éxito acadado por tres proxectos de eidos moi distintos pero que dende o principio tiveron claro que a clave era buscar a singularidade dos seus respectivos produtos. “Somos galegos e estamos orgullosos de estar aquí”, subliñou Óscar Reboiras ao respecto de R, un proxecto empresarial galego que lidera o mercado da telefonía fixa, internet e televisión, ao que engadiu “que o importante é empregar o idioma con naturalidade, boa parte do éxito de R radica en que os galegos o ven coma un operador propio”.

Ao seu carón Xoan Quintáns defendeu un proxecto monolingüe en galego, Caramuxo, “unha iniciativa coa que rachamos o prexuízo de que o galego non vende”, subliñou e, para mostra, outro botón: Terras Gauda, que tras iniciar andadura hai arredor de 20 anos cunha produción de 30.000 botellas por colleita hoxe conta cunha produción superior ao millón e medio de botellas anuais “das cales exportamos arredor do 75%, desde Melbourne ata Nova York, desde Australia ata Abu Dabi ata un total de 45 países”, subliñou Iago Becerra, que fixo fincapé en que “as reticencias iniciais fóronse solucionando e hoxe as nosas etiquetas, con moito texto e en galego, son unha das nosas principais sinais de identidade”.

Erradicar complexos.
E se para as empresas o galego é garantía de singularidade e identidade, que pasa na ciencia? Neste caso o importante é erradicar preconceptos e complexos de inferioridade do tipo o galego para as letras e o castelán para as ciencias, tal como lembraron o profesor, Iván Area, e o director da Área de Normalización Lingüística, Paulo Cabral. Area, matemático de formación, lembrou as vantaxes do plurilingüismo e insistiu en que quen sabe galego sabe máis e “o único coñecemento inútil é o que non se ten” subliñou nunha intervención na que defendeu que a lingua galega é apta para todas as disciplinas e que, se non é así, “perde tanto a diversidade cultural, coma os galegos e a propia ciencia”.

Valor engadido que abre portas.
Tras tres días moi intensos nos que se botou unha ollada á situación da lingua galega en materias como a literatura, a emigración, os movementos sociais, a música, o deporte... as Xeiras clausuráronse coa participación do vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que se referiu ao galego como “un valor engadido que só nós posuímos e que nos abre a porta a dúas culturas inmensas: a latina e a lusófona” e do responsable dos Comités en Vigo, Iago Varela, que, aproveitando a presenza do vicerreitor, demandou ao equipo de goberno que “traballe arreo” para conseguir avances en materia lingüística, xa que “o uso do galego na docencia universitaria non chega ao 20%”, recalcou.

Como valoración global “creo que todos e todas aprendemos moito grazas aos diferentes poñentes que pasaron por aquí, dende diferentes puntos de Galicia, Cataluña e Bruxelas”, subliñou o responsable dos Comités, que afirmou que a iniciativa terá “continuidade en vista do éxito colleitado”.

Fonte: http://duvi.uvigo.es