Oficina CEER
 17-02-2011
ESCOLA DE TRÍATLON PARA TODOS OS PÚBLICOS

Aínda esta aberto o prazo de matrícula para o curso que comeza o 1 de marzo.

Xa está en marcha o segundo cuadrimestre. Toda a comunidade universitaria ten os seus novos horarios e pode comezar a encaixar neles as actividades deportivas, entre as que destaca, un ano máis, a Escola de Tríatlon que pon en marcha o Servizo de Deportes. Trátase dunha actividade aberta a todos na que se busca, tal e como explica a súa adestradora, Lorena García, “que a xente se achegue a esta disciplina”. O 1 de marzo bota a andar a segunda edición deste programa que consiste en adestramentos de carreira a pé, natación e bicicleta na contorna do campus de Vigo. O ano pasado, no seu estreo, contou con 14 persoas inscritas entre as que destacaba a presenza do alumnado, “pero tamén había profesorado e persoal investigador”.

Na súa primeira edición os participantes, ademais de adestrar, tomaron a saída en varias probas de dúatlon de estrada e montaña, así como en algúns tríatlons de estrada. “A xente quedou moi contenta”, asegura Lorena García, que se mostraba satisfeita co resultado da primeira edición. “É xente que non fixera nada, que sen case adestramentos decidiu participar en probas”, recorda. Dous dúatlons de montaña e outros tantos de estrada, así como un par de tríatlons foron as citas nas que tomaron a saída os participantes da pasada edición. “O seu obxectivo era rematar, e o conseguiron. Hai que ter en conta que tiñan moi pouco traballo previo”, recoñece a adestradora que se marca como meta neste curso que “os novos logren finalizar as probas e os que repiten acaden mellores marcas”.

Estará en marcha todo o cuadrimestre.
O prazo de matrícula aínda está aberto, polo que os interesados poden anotarse no Servizo de Deportes de calquera dos tres campus cun custe de 40€. A escola, que bota a andar o día 1 de marzo, estará en funcionamento durante o segundo cuadrimestre, con actividades os martes e xoves de 19.30 a 21.30 horas de carreira a pé e natación e os fins de semana, bicicleta.

Fonte: http://duvi.uvigo.es