Oficina CEER
 21-02-2011
DÚAS DÉCADAS NAS QUE SE FRAGUOU A INTEGRACIÓN DA MULLER NAS AULAS

O profesor Alberto Vaquero publica o informe As Mulleres na Universidade Española.

O libro pon en cifras a paulatina feminización das aulas desde 1986.

No curso 1986/87 estaban matriculadas nas universidades españolas 452.363 mulleres. No curso 2007/08 esta cifra ascendía a 758.484. A comparación destes dous datos agocha todo un complexo proceso de integración da muller nas aulas españolas e de loita individual e colectiva pola igualdade. “Foron arredor de dúas décadas nas que se fraguou a feminización da universidade, un proceso fundamental para esta institución e para a sociedade” salienta o profesor Alberto Vaquero. Para pór en cifras este proceso Vaquero vén de publicar, a través do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, o libro As Mulleres na Universidade Española. Situación Actual e Perspectivas, un documento no que debulla a información estatística dispoñible sobre a situación da muller na universidade española no ámbito autonómico, estatal e internacional desde 1986 ata 2009.

A recompilación “é un estudo completo da situación da muller nos diversos ámbitos universitariose e permite ter unha perspectiva global e establecer comparativas para coñecer cara onde camiñamos en materia de igualdade”, segundo destaca Anabel González, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

A integración en cifras.
A publicación parte dos datos do curso 1986/87, os primeiros xerais dispoñibles estatisticamente. Nese momento había na universidade española 452.363 mulleres matriculadas en primeiro e segundo ciclo (dun total de 902.380 persoas); 5.706 alumnas de posgraos e 13.103 profesoras. Ano a ano o informe amosa como a presenza da muller vai medrando ata situarse no curso 2007/08 en 758.484 mulleres en titulacións de primero e segundo ciclo (dun total de 1.396.607 persoas); 53.024 alumnas de posgraos e 43.570 profesoras.

Entre as cifras de alumnado, ademais da destacada evolución cuantitativa, Vaquero salienta que “nelas se comproba a progresiva desaparición do estereotipo de que as mulleres elixen carreiras de letras e os homes de ciencias. Cada vez máis, as mulleres teñen máis representación nas enxeñarías, aínda que os homes supoñen aínda a maior parte da matrícula”.

É no caso do profesorado e dos órganos de xestión onde o informe evidencia unha situación máis desfavorable para a igualdade. “Só o 36,4% dos docentes universitarios son mulleres, cunha reducida porcentaxe de catedráticas de universidade (15,1%)” explica Vaquero. A isto engádese o feito de que en 2008 unicamente había tres reitoras (dez en toda a historia da universidade española) e dúas xerentes nas universidades públicas estatais. “Aínda que aumenta ata un 29% a porcentaxe de vicerreitoras, estas cifras precisan unha clara melloría” apunta Vaquero. Con respecto ao persoal de administración e servizos, o libro evidencia que nas categorías máis altas de funcionarios e contratados as mulleres presentan unha presenza menor, sendo nos postos de alta dirección a porcentaxe de mulleres do 32%.

“Polo tanto, aínda hai diferenzas por xénero na universidade española, a universidade do século XXI debe formularse o obxectivo da igualdade como unha das actuacións prioritarias nos próximos anos. A progresiva incorporación da muller na universidade esixe unha actuación activa por parte dos responsables universitarios” advirte o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

O caso da Universidade de Vigo.
Dentro deste mapa xeral da universidade en España, Alberto Vaquero explica que en termos xerais nas institucións máis novas a consecución da igualdade está máis avanzada, sendo máis deficiente nas universidades máis antigas. Tendo en conta este factor, o autor destaca que “a Universidade de Vigo queda nunha boa posición en relación ao resto de universidades, pois obsérvase como nas universidades máis novas, como é este caso, a importancia do colectivo feminino é máis elevada nos órganos de xestión, en persoal e en categorías superiores de profesorado e investigación”.

No marco da preocupación da Universidade de Vigo polo fomento e consecución da igualdade, Vaquero destaca o traballo realizado pola súa Cátedra de Estudos Feministas, que apoiou a realización deste libro, e pola súa Unidade de Igualdade, que recentemente presentou o Informe Diagnose da Igualdade na Universidade de Vigo, documento que sentará as bases para o Plan de Igualdade desta institución.

Fonte: http://duvi.uvigo.es