Oficina CEER
 24-02-2011
NOVAS ACTIVIDADES EN NORMAL

A música e a danza centrarán as novas propostas de NORMAL, o espazo de intervención cultural da UDC.

NORMAL, o novo espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, inaugurado o pasado 7 de febreiro, acollerá estes días dúas novas propostas de vangarda. A primeira delas será o obradoiro-concerto do compositor e etnomusicólogo galego-venezolano Carlos Suárez, que se celebrará mañá mércores, 23 de febreiro, a partir das 17.00 horas. Serán en total tres horas de obradoiro experimental e ás 21.00 horas comezará o concerto.

Xa na xornada do xoves, 24 de febreiro, a formación La Macana, creada en 2009, falaranos en NORMAL do seu proxecto de danza contemporánea. A cita será a partires das 20.00 horas. La Macana está integrado por Caterina Varela (A Coruña, 1983) e Alexis Fernández (Santiago de Cuba, 1975), quen despois de traballaren xuntos en diferentes compañías asumiron de maneira independente o seu labor.

Carlos Suárez.
Carlos Suárez (Celanova 1966) é autor de máis de 40 obras acústicas e electroacústicas, baseadas nas súas investigacións en Venezuela e o Caribe. É que no ano 1967 emigrou cos seus pais a Venezuela, onde estudou no Conservatorio Superior Simón Bolívar de Caracas. As súas viaxes de investigación iniciáronse en 1989, principalmente nas áreas culturais afroamericana do Caribe e indíxena do Amazonas, onde realizou gravacións de música e paisaxes sonoros. Retornou a Galicia no ano 2003, cando empezou a desenvolver estudos da paisaxe sonora galega do colectivo escoitar.org. Ademais, realizou máis de 60 concertos e presentou as súas obras en Venezuela, Brasil, Colombia, Perú, Arxentina, Uruguai, Alemaña, México, Estados Unidos e España. As súas conferencias e obradoiros xiran en torno a psicoacústica, fonografía e composición, así como etnomusicoloxía e paisaxes sonoras.

A súa intervención será a segunda acción en NORMAL, un espazo creado pola UDC co obxectivo de atraer á xente moza á cultura e crear novas demandas e públicos mediante a oferta de espazos atractivos e abertos, sen rixideces, onde podan ler, ver películas ou simplemente discutir. A programación plantexada é diferente, interdisciplinaria, vinculada á experimentación, ás novas linguaxes contemporáneas, preferentemente urbanas e aquelas ligadas ás Media-Arts.

La Macana.
O primeiro traballo de La Macana foi a peza “Ven”, estreada en marzo de 2008 na Habana, onde acadou o 1º Premio, o Premio do Público e o Premio da Crítica no Certame Coreográfico de Madrid, no mesmo ano. Esta montaxe puido verse en máis de vinte países e chegou á centésima representación en Atenas neste mesmo mes de febreiro. A partir de aí, estrearon tanto producións propias (shure pg48 ou Sometimes), como colaboracións con diferentes artistas como Ember (Laura Arís e Jorge Jáuregui) en Cola de gallo e foron coreógrafos convidados en Cobardes, para o Conservatorio Superior de Danza María de Ávila, en Madrid. Actualmente están a traballar no seu próximo proxecto, Not title yet, que estará coproducido polo Centre Chorégraphique National —Roubaix Nor-Pas de Calais— Carolyn Carlson, en Francia. En paralelo ao labor creativo desenvolven o pedagóxico, como profesores convidados en diferentes centros internacionais.

Fonte: http://www.udc.es