Oficina CEER
 09-05-2007
A Fundación CEER acorda no seu Consello de Dirección reunido en Santiago, a toma de decisións estratéxicas para a eurorrexión universitaria Galiza – Norte de Portugal

O Consello de Dirección da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) reuniuse o pasado venres, día 4 de maio, no Salón Reitoral do Colexio San Xerome de Santiago de Compostela.

Na definición das liñas estratéxicas para o impulso do CEER, un dos acordos máis salientables xurdidos nesta xuntanza foi o de levar a cabo as medidas precisas para o desenvolvemento de tres liñas de acción estratéxicas. Estas actuacións incluirían a creación dunha “Emprenderrexión”, co obxecto de impulsar estratexias conxuntas referidas á transferencia de tecnoloxía e resultados de investigación; a conformación dunha Eurorexión do Coñecemento que impulse a formación de redes de investigadores de excelencia de cara á organización dun programa Sócrates; e a promoción dunha imaxe de marca co fin de posicionar a Eurorrexión como un espazo de vangarda en I+D+I en Bruxelas.

Outro dos puntos incluídos na orde do día foi a elección do novo presidente do Consello de Dirección, o profesor da Universidade de Vigo, José Manuel García Vázquez, e como vicepresidente ó pro-reitor da Universidade de Porto, o Prof. Manuel Antonio Araújo da Silva Janeira, cargos que ostentarán durante os próximos dous anos.

Ademais, este consello continuará traballando nas actividades preparatorias da reunión do seu Padroado que terá lugar o vindeiro día 23 de maio, e que contará co reitor da Universidade da Coruña, José María Barja Pérez, como anfitrión.

Á citada reunión foron convocados altos cargos representantes das seis universidades publicas de Galicia e o norte de Portugal, a Xunta de Galicia, o Eixo Atlántico e a Comunidade de Traballo Galicia- Norte de Portugal, sendo presidida polo vicerreitor da Universidade de Minho, Leandro da Silva Almeida, presidente saínte do Consello de Dirección da Fundación CEER. Participaron ademais o prorreitor da Universidade de Porto, Manuel Antonio Araújo da Silva Janeira; os vicerreitores da Universidade de Santiago de Compostela, Lourenzo Fernández Prieto, da Universidade da Coruña, Ana Dorotea Tarrío Tobar, da Universidade de Porto, Eduardo Augusto dos Santos Rosa. Representando á Universidade de Vigo, acudiu o profesor José Manuel García Vázquez, ademais do director e o secretario xeral do CEER, Carlos Ferrás Sexto e Manuel Sopas de Melo Bandeira, respectivamente.