Oficina CEER
 24-02-2011
ECUADOR IMPORTA A TECNOLOXÍA DE UVIGO-TV PARA DAR SOPORTE AUDIOVISUAL A 26 UNIVERSIDADES

Vigo posiciónase como referente hispano no uso de tecnoloxías de vídeo en Internet para uso docente.

Este mércores asinouse por vídeoconferencia o convenio que dará soporte a esta colaboración.

Plataformas virtuais, clases en liña, intercambio de apuntamentos dixitais… estas son algunhas das palabras que hai apenas uns anos describían a docencia do futuro, pero que hoxe son xa unha realidade. Neste camiño, UVigoTV converteuse no referente hispano no uso das tecnoloxías de vídeo en Internet para uso docente e boa mostra disto é o acordo asinado este mércores entre a Universidade de Vigo e o Consorcio Ecuatoriano para o Desenvolvemento de Internet Avanzado, CEDIA, que suporá exportar a tecnoloxía e modo de funcionar de UVigo-Tv a 26 universidades ecuatorianas que se sumarán ás máis de dez que xa están a empregar esta tecnoloxía, tanto en España como en Latinoamérica.

Este convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e CEDIA, o equivalente ecuatoriano á RedIRIS en España, ten como principal obxectivo axudar a que o consorcio lance o seu proxecto de repositorio nacional ecuatoriano de contidos audiovisuais docentes e científicos. Neste labor empregará a tecnoloxía PuMuKIT da Universidade, a plataforma técnica deseñada e liberada pola Universidade de Vigo que permite automatizar o proceso de publicación vía Internet de contidos audiovisuais a través de canles como YouTube e que xa lle permitiu, entre outras ‘efemérides’, superar o curso pasado o listón do millón de vídeos vistos: clases, relatorios e outras actividades que alumnado e docentes teñen á súa disposición no intre que mellor lles veña.

A moitos quilómetros pero “moi preto”.
A moitos quilómetros de distancia, “pero moi preto, grazas precisamente aos avances tecnolóxicos”, tal como subliñou Salustiano Mato, a sinatura do convenio levouse a cabo por vídeoconferencia e a ela asistiron ademais do reitor vigués e o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, o presidente de Cedia e reitor da Escola Politécnica do Exército, o coronel Carlos Rodríguez, así como o director executivo do consorcio, Villie Morocho e o equipo de enxeñeiras “que están xa a desenvolver aquí todo o proxecto”, subliñaron dende Ecuador, dende onde tamén fixeron fincapé no prestixio internacional que está a acadar a universidade viguesa en todo o ámbito tecnolóxico. “Para nós é todo un orgullo”, subliñou o reitor vigués, ao que engadiu “este convenio permítenos dar un salto cualitativo pois suporá dar servizo ao sistema de ensinanza de todo un país”.

Tecnoloxía viguesa para todo un país.
“A idea é exportar a tecnoloxía e modo de funcionar de UVigo-Tv para que sexa escalado e empregado a nivel dun país completo”, explicou Vicente Goyanes, coordinador de Servizos Multimedia da Universidade, ao tempo que lembrou que Vigo foi a primeira universidade de fala hispana en ser admitida en iTunesU “posiblemente o repositorio en liña máis grande de contidos audiovisuais científicos e docentes en castelán”. Dende entón, hai xa máis dun ano, están na elite participando con máis de 600 universidades, algunhas tan importantes como Oxford, Cambridge, Yale ou Berkeley.

Precisamente en colaboración con Berkeley, dende Ecuador manifestaron estar moi interesados en recibir asesoramento dende a Universidade de Vigo sobre os sistemas de gravación automatizada de clases que se está a desenvolver dentro do proxecto internacional Opencast-Matterhorn que lidera UCBerkeley e no que a universidade viguesa é un dos trece socios e membro do comité de dirección.

Fonte: http://duvi.uvigo.es