Oficina CEER
 25-02-2011
PARTICIPA NA UNIDADE DE COMUNICACIÓN CIENTÍFICA DA EURORREXIÓN

A Fundación CEER xestiona unha plataforma web para a divulgación científica na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O CEER trata de buscar sinerxías entre as Universidades da Eurorrexión, xestionando os recursos dispoñibles de maneira conxunta e colaborativa para potenciar o desenvolvemento da nosa Eurorrexión.

A Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais xestiona as novidades científicas en Galicia e o Norte de Portugal mediante o seu portal de Comunicaciencia (http://ceercomunicaciencia.wordpress.com), unha plataforma innovadora de divulgación da Ciencia na Eurorrexión, subvencionada pola ”Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología” (FECYT). Esta web reúne e difunde a información científica máis relevante xerada polas 6 universidades públicas da Eurorrexión (Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña. Vigo, Porto, Tras-os-Montes e Minho) e divulga os resultados das investigacións realizadas, acercando a Ciencia, e os avances que esta propicia, á sociedade en xeral mediante o acceso a unha soa web.

A plataforma recompila tamén variados recursos multimedia relacionados con actividades científicas realizadas nas Universidades da Eurorrexión (vídeos de conferencias, documentais, audios, acceso a información dixitalizada, como o Museo Científico Universitario) e proporcionadas directamente polo CEER, como os Foros de debate sobre Ciencia, ou a súa Axenda científica, onde pon a disposición do público todas as ofertas de traballo, bolsas de emprego, de mobilidade, subvencións para investigadores, premios, etc. que se xeneran en Galicia e o Norte de Portugal, co obxecto de potenciar a colaboración e as oportunidades e o movemento de profesionais entre ambas rexións.