Oficina CEER
 28-02-2011
A USC E O ATENEO DE SANTIAGO PROPICIARÁN UN MAIOR ACHEGAMENTO ENTRE A INSTITUCIÓN UNIVERSITARIA E A SOCIEDADE

Ambas institucións asinaron este luns 28 un convenio de colaboración.

O reitor da USC, Juan Casares, e o presidente do Ateneo de Santiago, Salvador García-Bodaño Zunzunegui, asinaron este luns 28 de febreiro un convenio coa finalidade de fomentar a colaboración entre ambas institucións, propiciando un achegamento entre a institución universitaria e a sociedade. “Este é un acordo histórico, que permite facer de dereito o que xa estamos facendo de feito”, sinalou Juan Casares en referencia á liña de cooperación que xa veñen mantendo ambas institucións.

En virtude deste convenio, a Universidade de Santiago facilitará a difusión das actividades desenvoltas polo Ateneo compostelán entre o conxunto da comunidade universitaria, xa sexa a través dos distintos centros da institución académica ou a través das súas propias canles de comunicación.

Así mesmo, a USC facilitará a cesión ao Ateneo, en uso temporal e dentro das súas dispoñibilidades, de distintos locais universitarios, como son o Paraninfo da Universidade e o Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

Pola súa banda, o Ateneo compostelán comprométese a facilitar aos membros da comunidade universitaria o acceso a todas as actividades que organice e a condición de socio sen outro custo distinto da cota mensual ordinaria. Na mesma liña, a sociedade santiaguesa primará a presenza de persoal docente e investigador na súa oferta de actividades de cara a pór en valor na sociedade o potencial de coñecemento da universidade.

Finalmente, ambas entidades impulsarán, en virtude deste acordo que ten unha duración dun ano prorrogable, a organización de actividades conxuntas nos eidos cultural, científico ou educativo, así como a edición de publicacións e informacións que faciliten a divulgación de coñecementos entre a cidadanía compostelá.

Fonte: http://xornal.usc.es