A Fundación CEER convoca un proceso selectivo para a contratación dun técnico de xestión administrativo-financieiro mediante contrato laboral de obra ou servizo determinado con cargo ao proxecto MIGRANET, cofinanciado polo Programa de Cooperación Territorial Interreg IV B SUDOE (con fondos FEDER da UE).
As tarefas a desenvolver no marco do proxecto serán as de colaborar no desenvolvemento e posta en marcha das distintas actuacións previstas no proxecto; colaborar na coordinación dos socios participantes no proxecto e participar nas distintas estruturas internas de coordinación e xestión do proxecto e nas reunións de traballo pertinentes; prestar apoio á coordinación xeral do proxecto para a correcta execución do mesmo; preparar informes e en xeral, realizar o conxunto de tarefas necesarias para garantir a boa marcha do proxecto; apoiar a execución do plan de traballo do proxecto e colaborar nas tarefas de divulgación do proxecto.
Os requisitos das persoas candidatas corresponden aos de titulados universitarios, preferentemente con licenciatura en CC. Políticas, Administración e Dirección de Empresas e Económicas; con formación en asuntos europeos; experiencia laboral no desenvolvemento de proxectos vinculados a programas europeos, preferentemente de cooperación territorial europea; coñecementos dos idiomas español, galego, portugués e inglés; manexo de programas informáticos a nivel usuario (procesadores de texto, follas de cálculo, presentacións, internet, correo electrónico, etc.), e dispoñibilidade para desprazarse.
As persoas interesadas en presentar a súa candidatura deben enviar o seu Curriculum vítae e documentación xustificativa da formación e experiencia profesional indicada (diplomas, certificados…), ao seguinte enderezo: Att.
Prof. Carlos Ferrás Sexto. Director da Fundación CEER. Oficina da Fundación CEER. Colexio San Xerome, Praza do Obradoiro, s/n. 15782, Santiago de Compostela. A Coruña.
O prazo de presentación das candidaturas será de dez días hábiles a contar dende o día seguinte ao desta publicación. Tras o período de presentación de candidaturas, a dirección da Fundación procederá a avaliación dos currículos axustándose aos requisitos mencionados. A resolución desta oferta laboral será publicada nos días seguintes á finalización do prazo de presentación de candidaturas.
As bases da convocatoria poden consultarse nesta mesma páxina web e no taboleiro de anuncios da oficina da Fundación CEER en Santiago de Compostela.