Oficina CEER
 08-03-2011
100 ANOS TECENDO A IGUALDADE

A directora da Unidade de Igualdade, Anabel G. Penín, reflexiona no Día Internacional da Muller.

A conmemoración do Día Internacional da Muller neste ano 2011 ten un carácter especial ao cumprirse 100 anos da súa celebración por primeira vez en 1911, aínda que non foi ata 1977 cando a ONU instituíu o 8 de marzo como Día Internacional da Muller.

A actividade a prol do recoñecemento dos dereitos das mulleres ten dado un dos seus últimos pasos no 2010 coa creación pola Asemblea Xeral dun único organismo ONU-MUJERES encargado de acelerar o progreso no logro da igualdade de xénero e do empoderamento das mulleres.

Moito lles debemos as mulleres de hoxe en día á loita feminina levada a cabo por mulleres correntes que esixían, e seguimos esixindo, participar na sociedade en pe de igualdade cos homes. Unha sociedade máis igualitaria favorecerá sen lugar a dúbidas o progreso e contribuirá a un mundo máis xusto e pacífico.

Traballar por ese obxectivo non é exclusivamente un traballo das mulleres, é un traballo conxunto no que os homes poden e deben facer achegas de xeito significativo. Situarnos nós non quere dicir descolocar aos homes. O seu compromiso axudará a acadar con maior celeridade unha sociedade máis equilibrada.

Nesa primeira celebración do ano 1911 as mulleres reinvindicaron, ademais do dereito de voto e de ocupar cargos públicos, o dereito ao traballo, á formación profesional e á non discriminación salarial. Cen anos despois e a pesar dos avances cara a consecución dunha igualdade efectiva, as mulleres seguen sendo as que sofren maior discriminación salarial e o paro feminino é máis alto que o dos homes.

O esforzo das políticas de igualdade que os países máis desenvolvidos están levando a cabo non ten impedido que continúe a violencia contra as mulleres polo que a loita contra esa lacra social debe ser moito maior. Lograr unha participación maior das mulleres nos órganos de representación e de poder, pelexar pola conciliación e corresponsabilidade no ámbito do fogar e coidado da familia, erradicar a linguaxe sexista, fomentar a educación en igualdade, rechazar sen fisuras calquera forma de manifestación sexista, regular a imaxe da muller presentada polos medios de comunicación de xeito que evite estereotipos, aislar socialmente ao maltratador e denunciar calquera coducta machista contribuirá a acabar coa violencia de xénero pero para iso cómpre tamén implementar con recursos económicos e humanos a igualdade formal que na lei se contempla.

O reto actual de conseguir unha sociedade tolerante e igualitaria, na que se respecten os dereitos e libertades fundamentais e de igualdade entre homes e mulleres, alcanza por suposto á Universidade de Vigo.

Pensar que no seo da Universidade de Vigo non se precisa unha Unidade que traballe pola consecución da igualdade efectiva entre as mulleres e os homes que forman parte da súa comunidade é non ter coñecemento do retrato que o Informe diagnose da Igualdade na Universidade de Vigo presenta.

Así, as alumnas son claramente maioría na nosa Universidade e son tamén mellores acadando unhas cualificacións máis altas que as dos alumnos pero sen embargo segue sendo moito máis complicado para elas insertarse no mercado laboral. A desigualdade maniféstase de formas diversas. As mulleres predominan nos ámbitos da saúde, científico e xurídico social, pero o tecnolóxico está claramente masculinizado e diminúe a presenza das mulleres a medida que aumenta a responsabilidade da posición tanto no sector do PDI como no sector do PAS a pesar de que este último colectivo está formado maioritariamente por mulleres.

Acomodarse no conformismo de que esta desigualdade é reflexo do que pasa na sociedade e de que esta situación cambiará por si soa a medida que as circunstancias sociais muden, non é o propio dunha institución que ten un papel primordial como motor de cambio e avance para lograr unha sociedade máis progresista.

Corréspondelle á Universidade de Vigo como institución pública que é, contribuír a sentar as bases desa remodelación que axude de forma efectiva a lograr un modelo igualitario de sociedade. Potenciar e dar a coñecer a incidencia das mulleres nos diversos ámbitos de coñecemento, comprometerse coa transversalidade do principio de igualdade, coa promoción da perspectiva de xénero nos estudos e na investigación e potenciar a conciliación da vida profesional coa familiar, son medidas necesarias para acadar a meta.

A auténtica liberdade de cada muller de escoller onde quere estar só será posible cando exista unha igualdade efectiva de oportunidades e cando as esixencias sexan as mesmas para unha muller que para un home.

Seguiremos a tecer a igualdade!

Fonte: http://duvi.uvigo.es