Oficina CEER
 10-03-2011
INAUGURACIÓN XORNADAS DE FILOSOFÍA DA CIENCIA EN FERROL

O reitor inaugura mañá en Ferrol as Xornadas de Filosofía da Ciencia, que contarán coa presenza da máxima autoridade internacional nesta disciplina.

O reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, inaugurará mañá xoves, ás 9:30 horas, no salón de actos do campus de Ferrol as XVI Xornadas de Filosofía e Metodoloxía actual da Ciencia, que se celebrarán durante as xornadas do 10 e o 11 de marzo. Baixo o epígrafe Representación e modelos na ciencia: o plantexamento de Bas Van Fraassen, este encontro organizado pola Universidade da Coruña coa colaboración da Sociedade de Lóxica, Metodoloxía e Filosofía da Ciencia en España, ten como obxectivo analizar o papel dos modelos na ciencia, tanto os descritivos da ciencia básica como os prescriptivos da ciencia aplicada. Tamén se estudará o cometido da representación científica e as súas diferenzas con outros tipos de representación, como a artística. Todo isto á luz do plantexamento de Bas van Fraassen, que é unha autoridade internacional neste tema.

O propio Van Fraassen actuará como relator principal e presentará dúas conferencias. Actualmente, Bas van Fraassen é catedrático de Filosofía en San Francisco State University, tras 26 años como catedrático da Universidade de Princeton. Previamente desenvolveu a súa actividade nas Universidades de Yale, Toronto e Southern California. Ten no seu haber o maior recoñecemento en Filosofía da Ciencia: o Premio Lakatos.

Outros invitados destacados son Maria Carla Galavotti, catedrática da Universidade de Bolonia, que preside o Steering Committee do programa europeo "The Philosolphy of Science in a European Perspective", e Stathis Psillos, catedrático da Universidade de Atenas, que foi presidente da Sociedade Europea para a Filosofía da Ciencia (EPSA). Entre os invitados españois figuran Ángel Nepomuceno, catedrático da Universidade de Sevilla, e Inmaculada Perdomo, profesora Titular da Universidad de La Laguna. As xornadas ofrécense dentro do marco do doutoramento interuniversitario de Lóxica e Filosofía da Ciencia, pero é tamén un curso aberto a aqueles universitarios e profesionais interesados na Filosofía e Metodoloxía actual da Ciencia.

Fonte: http://www.udc.es/