Oficina CEER
 14-03-2011
CONVOCATORIA PREMIOS DE INVESTIGACIÓN 2011 REAL ACADEMIA GALEGA DE CIENCIAS

A REAL ACADEMIA GALEGA DE CIENCIAS fai pública a convocatoria dos seus Premios de Investigación correspondente ao ano 2011, co obxecto de promover a investigación e o desenvolvemento nas áreas de coñecemento integradas na Academia, a través do recoñecemento académico e social do esforzo dos investigadores.

A presente convocatoria suxeitarase ás seguintes bases:
1. Institúense dous premios: un, dotado con 6.000 €, para un Traballo de Investigación realizado por investigadores senior e outro, dotado con 2000 €, para incentivar a Promoción de Novos Investigadores menores de 28 anos.

2. Os traballos tratarán sobre temas ou aspectos relacionados coas áreas temáticas seguintes: Matemáticas, Física, Física do Cosmos, Química, Xeoloxía, Bioloxía, Farmacia, Ciencias Sociais, Económicas e Ciencias Técnicas.

3. En ambos os dous casos os traballos serán inéditos, estarán escritos especificamente para este concurso e adoptarán a forma utilizada para publicacións en revistas científicas. Non se aceptarán traballos en formato Tese, Tese de licenciatura ou Proxecto fin de carreira. Os autores comprométense a non presentar os traballos a ningunha outra convocatoria de premios dentro do mesmo ano.

4. Poderán tomar parte no concurso licenciados, enxeñeiros e doutores. No caso do Premio de Investigación, polo menos un dos autores deberá estar en posesión do título de Doutor. No caso do Premio para a Promoción de Novos Investigadores poderán participar todos os mozos que aínda non cumpran os 28 anos o día que finaliza o prazo da convocatoria. Só se poderá optar a un dos dous premios convocados. Os Académicos Numerarios e Correspondentes da Real Academia Galega de Ciencias non poderán participar no concurso.

5. O prazo da convocatoria finalizará ás 13.00 horas do 5 de Setembro de 2011.

6. Entregaranse dúas copias do documento en papel e un CD coa versión electrónica do mesmo, ben en man ou enviados por correo certificado e con aviso de recepción, á Secretaría, Real Academia Galega de Ciencias, San Roque, 2, 15704 Santiago de Compostela (Tel. 981552235). O texto estará escrito a espazo e medio e redactado en lingua castelá ou galega, en DIN-A4, sen sinatura, nin indicación algunha que permita a identificación dos seus autores. Cando o texto sobrepase as 200 páxinas, deberá incluír un resumo, non superior a 25 páxinas. Na primeira páxina só se indicará o título do traballo, a área na que se desexa concursar, o tipo de premio ao que se opta (Premio de Investigación ou Mozos Investigadores) e un lema. Acompañará ao traballo unha plica, en sobre cerrado, en cuxo exterior figurarán o título e o lema que permita identificar o traballo. No seu interior incluiranse os datos, o nome ou nomes dos autores, a súa dirección, teléfono, copia do NIF por ambas as dúas caras, curriculum vitae abreviado, unha declaración expresa sobre o carácter inédito da memoria presentada e, cando corresponda (ver base 4), unha fotocopia compulsada do título que acredite a condición de doutor. O CD contendo a versión electrónica só virá identificado co lema proposto.

7. Os premios poderán ser declarados desertos.

8. O fallo do Xurado será inapelable.

9. O Xurado estará formado por sete membros da Academia pertencente a cada unha das Seccións da Academia ás que correspondan as áreas dos orixinais presentados. Estará presidido polo Presidente da Academia ou persoa na que delegue.

10. Os gañadores dos premios autorizan expresamente á Real Academia Galega de Ciencias a publicar e divulgar os seus nomes e apelidos no momento de facerse público o fallo.

11. A Academia resérvase o dereito de publicación do traballo premiado durante un ano, sen ter que satisfacer contraprestación algunha por iso aos seus autores, sen prexuízo do mantemento por estes dos seus dereitos de propiedade intelectual.

12. Os autores non premiados poderán solicitar a devolución dos seus traballos no prazo de 3 meses, despois da publicación do fallo.

13. Aplicaranse aos premios as retencións que, se é o caso, estean previstas na vixente norma tributaria.

14. O feito de concursar, supón a aceptación das presentes bases e serán excluídos os concursantes que non se axusten ás mesmas.

Estas bases poden consultarse en www.ragc.cesga.es