A Universidade da Coruña apela á necesidade de respectar a autenticidade histórica do Camiño de Santiago na delimitación do Camiño Francés.
A Universidade da Coruña está realizando unha firme aposta pola recuperación, conservación e posta en valor do patrimonio histórico galego non só baixo o punto de vista docente e investigador, senón tamén a nivel administrativo, na responsabilidade que lle corresponde como poder público vinculado ao deber de conservación do patrimonio previsto na Constitución. Así quedou de manifesto coa presentación o pasado ano do recurso de alzada contra a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola que se arquivaba a solicitude de declaración de Ferrol Vello como Ben de Interese Cultural, un recurso que finalmente foi admitido.
Más recentemente, en concreto na votación na Comisión Territorial de Patrimonio Histórico, reunida o pasado mes de febreiro, a UDC ven de amosar de novo o seu compromiso coa conservación do patrimonio, neste caso con respecto ao criterio de autenticidade histórica á hora de delimitar a ruta principal do Camiño de Santiago: o Camiño Francés. Como vogal da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico en representación da UDC, o secretario xeral da Universidade coruñesa, Carlos Amoedo, emitiu un voto desfavorable á proposta do informe sobre o expediente de delimitación desta ruta no marco dos traballos de delimitación que está realizando a Dirección Xeral de Patrimonio. Un dos principais motivos é, precisamente, o abandono do criterio de autenticidade histórica en beneficio do criterio de consolidación á hora de deseñar esta delimitación.
Nun exhaustivo informe, Amoedo sinala que precisamente por seren un territorio histórico, o elemento esencial da determinación legal dos Camiños de Santiago é o da historicidade. Por tanto, o itinerario principal non pode ser seleccionado por criterios de “consolidación” en virtude dun uso máis frecuente, senón pola súa autenticidade. En caso contrario, considérase en perigo a conservación do primeiro itinerario cultural europeo, que é Patrimonio da Humanidade e o ben cultural máis complexo de todo o Estado.
Tamén se subliña no informe que a proposta de delimitación reduce sensiblemente o ámbito de protección contemplado no ámbito legal que regula os Bens de Interese Cultural (BIC), como é o caso desta ruta. De feito, asegura que a metade das hectáreas actualmente incluídas no ámbito BIC perden esta condición. Entre elas destaca enclaves singulares como dez dos sesenta castros que están situados ao longo do Camiño e numerosos núcleos rurais que quedan tamén excluídos. Outros criterios nos que se fundamenta o voto desfavorable da Universidade da Coruña é a identificación da traza do Camiño como un proceso aberto, o que provoca unha situación de inseguridade, así como o abandono dos criterios legais de recuperación da traza histórica ou a desprotección das trazas históricas e as trazas alternativas.
Fonte: http://www.udc.es