Oficina CEER
 25-03-2011
UDC E NAVANTIA CREAN UN PROGRAMA DE INTERCAMBIO DE ALUMNOS CON AUSTRALIA

A Universidade da Coruña terá en colaboración con Navantia un programa de intercambio de alumnos de enxeñaría con universidades australianas logo de que o reitor, José María Barja, e o conselleiro delegado de Navantia, Luis Alberto Cacho Quesada, asinasen esta tarde un convenio de colaboración para crear o Programa Australia de Bolsas Internacionais.

Baixo o paraugas deste acordo, a UDC recibirá dous estudantes de enxeñaría naval da prestixiosa Universidade de Adelaida e levará o mesmo número de alumnos a esta entidade australiana para que completen a súa formación académica superior. A Universidade de Adelaida, de carácter público, é a terceira universidade máis antiga de Australia. Conta con preto de 20.000 alumnos, dos que o 25% son internacionais, e entre os seus profesores e exalumnos acadan cinco premios Nobel. Aínda que de xeito inmediato o intercambio de alumnos será con esta universidade, a idea na que se traballa é a de establecer relacións con máis universidades australianas.

Segundo manifestou o reitor no acto desta tarde, este convenio enmárcase na decidida aposta da Universidade da Coruña por facilitar a internacionalización dos seus estudantes en forma de axudas ao estudo. Este apoio, lembrou Barja, xa se remarcara na presentación do orzamento deste ano 2011, en que se explicitou a intención de seguir dando un trato privilexiado ás bolsas universitarias para os estudantes, como se vén facendo na UDC nos últimos anos, a pesar da adversa situación económica. O acto de firma do convenio tivo lugar na Sala de Xuntas da Vicerreitoría de Ferrol e Relación Universidade-Empresa e ao mesmo asistiron, ademais do reitor e o conselleiro delegado de Navantia, o director do Estaleiro Fene-Ferrol, José Esteban García Vilasánchez, e o vicerreitor de Ferrol e Relación Universidade-Empresa, Luís Barral.

Fonte: http://www.udc.es