Oficina CEER
 09-05-2011
O CAMPUS MEGALÍTICO DA UVIGO COMEZA A SAÍR Á LUZ

A Universidade traballa na posta en valor dos restos arqueolóxicos de As Lagoas-Marcosende.

Xa se realizou a prospección con xeorradar na necrópole megalítica das Xunqueiras/Pedreiras.

Ademais de aulas, laboratorios e oficinas, baixo os nosos pés, o campus de Vigo agocha unha enorme riqueza patrimonial e histórica. Necrópoles e monumentos megalíticos de diversa índole atópanse soterrados, preservados en moitos casos das accións humanas dende hai 6000 anos. Para pór en valor estes xacementos neolíticos coñecidos por moi poucos a Vicerreitoría de Extensión Universitaria ten en marcha un proxecto integral de estudo das diferentes zonas con restos megalíticos e un anteproxecto de actuación en catro fases.

Son a Área de Prehistoria e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, GEAAT, os responsables deste traballo de análise previo, que comezou hai dúas semanas coa prospección con xeorradar dos túmulos 3 e 4 da necrópole As Xunqueiras/Pedreiras, situada na parte alta do campus. Coa mesma tecnoloxía que nestes días se está empregando para buscar o restos mortais de Mª José Arcos, os investigadores poderán caracterizar as estruturas que se conservan, “a forma da cámara ou a posibilidade de que haxa corredor intra-tumular, coiraza ou aneis ao seu arredor ou outro tipo de estruturas como foxos”, explica Beatriz Comendador, a arqueóloga responsable do traballo.

Nun par de semanas, a spin-off da Universidade Ingeniería Insitu rematará o procesamento dos datos obtidos e o grupo de investigadores poderá comezar a traballar con eles.

Gran potencial arqueolóxico da zona.
Os xacementos arqueolóxicos do campus de Vigo, tanto a necrópole megalítica da Xunqueira como o xacemento do Monte das Cabanas non son localizacións illadas, atópanse nun contexto moi importante a nivel arqueolóxico, “xa que o lugar da intervención atópase situado nunha das catro áreas tumulares que conforman a recoñecida zona arqueolóxica de San Colmado: As Xunqueiras, que é a situada máis ao sur, e as de Rebullón, A Pereira e As Pereiras”, explica Beatriz Comendador.

O conxunto funerario de As Xunqueiras ou Pedreiras está composto por varios monumentos tumulares ou mámoas de dimensións e características variadas, mentres que o xacemento de Monte das Cabanas, localizado na parte central da ladeira que une a Escola de Enxeñería Industrial e o Edificio de Ciencias Experimentais, é un xacemento da pertencente á prehistoria recente “singular no contexto do Concello de Vigo e de Galicia en xeral”.

Un método non invasivo.
O uso do xeorradar permite aos arqueólogos coñecer datos sobre os restos megalíticos sen empregar técnicas invasivas, é dicir, sen necesidade de realizar escavacións. “Sabemos”, explica Comendador, que o túmulo III, o máis grande, “está moi violado”, posiblemente foron arrancadas moitas das laxes que conformaban a cámara para facer postes de viñas ou muros, “pero intentaremos coñecer a través do xeorradar a súa configuración, así como a existencia de coiraza e a posible conservación do corredor de acceso ao túmulo”.

Con todo, o xeorradar presenta tamén certas limitacións, determinada información que unicamente se pode obter con escavacións como a estratigrafía ou a posible presenza de restos de pintura no interior da cámara, como se localizaron por exemplo na Mámoa de Vixiador, en Candeán e que adoitan ser de motivos xeométricos e de cor vermella e negra.

Con todo non está prevista ningunha actuación invasiva a curto prazo, mentres non se peche definitivamente un plan para a consolidación, conservación e difusión dos restos, para o que é preciso un estudo integral e integrado coa contorna. Para todo isto hai dúas cuestións fundamentais, o respaldo económico e a necesidade de colaborar con outras institucións. “Esperamos poder obter financiamento para realizar estudos arqueométricos sobre o material recuperado, xa que temos sementes, carbóns e outros materiais que permitirían coñecer aspectos como a cronoloxía, o paleoambiente e os aspectos sociais das comunidades que habitaban o campus hai polo menos 3000 anos. No que se refire ás colaboracións, os investigadores da Universidade están en contacto con arqueólogos que traballaron con anterioridade noutros xacementos do campus para elaborar a primeira publicación sobre o xacemento de Monte das Cabanas. Por outra banda, Comendador salienta a importancia de involucrar á comunidade universitaria nestas tarefas, tanto a través da difusión e divulgación dos xacementos como da realización de prácticas por parte de alumnos nestes labores arqueolóxicos, especialmente os que cursan o grao en Historia ou o máster en Tecnoloxías para a Protección do Patrimonio Cultural Inmoble.

Fonte: http://duvi.uvigo.es