Oficina CEER
 19-05-2011
A EURORREXIÓN BUSCA NOVAS SINERXÍAS NO APROVEITAMENTO DA BIOMASA

II Congreso Ibérico de Biocombustibles Sólidos, na Universidade do Minho o 14 e 15 de xuño.

Enrique Valero, director da Escola de Enxeñaría Forestal, impartirá a conferencia inaugural.

A investigación sobre enerxías renovables volve unir a Galicia e a Portugal na celebración do II Congreso Ibérico de Biocomustibles Sólidos, coordinado pola Escola de Enxeñaría Forestal en colaboración coa Universidade do Minho. Se na primeira edición o campus pontevedrés exerceu de anfitrión, desta volta será na Escola de Enxeñaría Mecánica do campus de Guimaraes o vindeiro 14 e 15 de xuño. A finalidade, “dar a coñecer as experiencias no campo do aproveitamento enerxético da biomasa que se están levando a cabo tanto en territorio nacional como portugués”, explica o profesor Luis Ortiz, un dos principais coordinadores das xornadas. A conferencia inaugural será impartida por Enrique Valero, director da escola pontevedresa e novo presidente do Comité de Bosques da Unión Europea.

No contexto da Eurorrexión, “consideramos de especial relevancia achegar o coñecemento da situación actual do ámbito da biomasa nos dous países, tanto desde a perspectiva industrial como desde o sector terciario, aproveitando as oportunidades de negocio e o crecente interese que se presenta na zona transfronteiriza”, apunta Ortiz. Por outra banda, a celebración do congreso supón a creación dun foro de debate sobre as novas fontes de enerxía “onde intercambiamos experiencias, coñecementos e proxectos que permitan potenciar un mercado transnacional que consolide o emprego deste tipo de enerxías”.

Unha perspectiva global da biomasa
Os coordinadores do congreso deseñaron un programa con cinco eixes principais sobre o aproveitamento da biomasa, con mesas de debate dedicadas a loxística, a culturas enerxéticas, a aplicacións tecnolóxicas e comerciais e, unha final centrada na calidade e certificación. “En todos os casos expóñense experiencias reais, facendo especial fincapé nos custes de produción, rendementos obtidos, aspectos medioambientais e situación actual dos mercados”, aclara o profesor Ortiz.

Ademais da conferencia inaugural de Enrique Valero, director da Escola de Enxeñaría Forestal e novo presidente do Comité de Bosques da Unión Europea, o centro pontevedrés tamén estará representado polo propio Luis Ortiz que falará sobre O secado natural de biomasa, por Daniel Vega que afondará nos modelos de produción de biomasa e por Raquel Dopazo cunha conferencia titulada Cultivos enerxéticos, producións e rendementos. Ademais das mesas de debate, o programa das xornadas incluirá visitas ás fábricas de pellets de Lousada e á de produción de papel de Viana do Castelo.

Máis información.
O congreso está dirixido a un amplo abano de público entre os que se inclúen estudantes universitarios, empresarios, consultores, profesores, técnicos profesionais do sector… cun prezo de 100 euros para o día 14 de xuño, e de 40 euros para as visitas programadas para o 15 de xuño. Para ampliar información sobre as xornadas pódese chamar á Escola de Enxeñaría Forestal ao teléfono 986801907, ou ben no 647343366 ou no correo electrónico danton@uvigo.es

Fonte: http://duvi.uvigo.es