Oficina CEER
 14-06-2007
Programadores informáticos das universidades de Coruña e Vigo deseñan un rato que funciona cos movementos da cabeza

Desaparece unha barreira máis para os discapacitados. Teclear ou guiar os movementos dun rato na pantalla dun ordenador xa non serán obstáculos para unha persoa con discapacidade física. O rato que funciona cos movementos da cabeza é un proxecto participado pola Consellería de Innovación, a través de Mancomun.org Iniciativa Galega polo Software Libre, a Universidade da Coruña coa colaboración da Universidade de Vigo.

Froito desa colaboración entre as tres partes naceu un convenio asinado para a realización dun proxecto con ansias de reforzar a integración na sociedade da información a todas aquelas persoas pertencentes a un colectivo cun gran risco de exclusión, como explican portavoces de Mancomun.org organización que promove, da man da Administración galega, o acercamento de persoas con discapacidade a tecnoloxía.

O convenio ten tres obxectivos concretos: desarrollar un mouse que funcione co movemento da cabeza para persoas con problemas de mobilidade, a creación dun xestor de arranque para as persoas invidentes ou cunha cegueira parcial e mellorar a accesabilidade a internet a través do navegador Mozilla Firefox para deficientes visuais. Este traballo acometerase de maneira maioritaria na Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Pola súa parte a Universidade de Vigo colaborará nesta iniciativa proporcionando a súa experiencia nos sistemas de recoñecemento e síntesis para a voz.