Oficina CEER
 06-06-2011
OS INVESTIGADORES DO LABORATORIO DE REFERENCIA E. COLI DA USC EXCULPAN AOS COGOMBROS ESPAÑOIS COMO RESPONSABLES DO BROTE EN ALEMAÑA

Non descartan que a orixe da infección podería estar en augas residuais humanas asociada a unha nova cepa ‘multirresistente’ da bacteria, “nunca illada no mundo” e cunha “virulencia inusitada”.

O Laboratorio de Referencia E. coli da USC acaba de descartar que os cogombros procedentes de explotacións españolas sexan os causantes dun brote que afecta a máis de 1.500 persoas en Alemaña e que xa ocasionou, polo de agora, a morte de preto de vinte persoas.

Os investigadores da USC analizaron unha mostra de 70 cogombros da explotación sinalada por Alemaña como sospeitosa da orixe do brote, concluíndo que “todos os cultivos analizados resultaron negativos para os tres xenes de virulencia investigados”. Así o expresou este xoves en rolda de prensa do director do Laboratorio, o catedrático Jorge Blanco.

A cepa causante do brote, “de extrema gravidade” segundo o profesor Blanco, é unha Escherichia coli verotoxixénica, que tamén é enteroagregativa, multirresiente do serotipo O104:H4 e a secuencia tipo ST678. Trátase dunha variante “nunca illada ata o momento no mundo” cunha “virulencia inusitada que afecta máis a mulleres”.

O traballo dos científicos agora oriéntase cara a determinación da orixe do foco infeccioso, que podería estar segundo Jorge Blanco, na auga. Neste senso, o responsable do Laboratorio de Referencia da USC considera que non só hai que centrar a análise nos animais xa que a orixe do brote podería estar en augas residuais humanas, un aspecto que “non se pode descartar”.

O equipo lugués insiste na importancia da prevención para evitar que o brote se siga estendendo, destacado a necesidade de extremar a hixiene persoal. Consumir a carne suficientemente cociñada, lavar ben as mans despois de tocar a carne fresca, colocar esta carne fresca sen cociñar nos andeis máis baixos do frigorífico para evitar que os xugos contaminen outros alimentos que se consumen sen quentar, lavar correctamente a verdura que se vai consumir fresco e consumir leite pasterizada ou tratada co sistema UHT, son algúns dos consellos que fan os investigadores.

Impacto mediático.
O equipo encargado das análises que se realizan no Laboratorio de Referencia E. coli da USC compareceu este xoves ante os medios de comunicación para dar conta dos traballos que en coordinación coas autoridades sanitarias se está a desenvolver.

A comparecencia, co director do Laboratorio Jorge Blanco á fronte, aparece este venres en numerosos medios de comunicación: Lugo apunta a que la ‘E.coli’ procede de aguas residuales ; El laboratorio de Lugo indica que el origen del brote puede proceder de aguas residuales ; El laboratorio de referencia español no descarta que el origen esté en el agua ; La OMS desconoce la cepa de la bacteria E. coli ; Lugo culpa á auga ; El laboratorio de referencia de E.Coli: El brote puede provenir de aguas residuales humanas ; ou La combinación genética de dos bacterias causó el brote alemán ; entre outros.

Para ver os enlaces a estos titulares clicka en: http://xornal.usc.es/xornal/acontece/2011_06/noticia_0017.html