A catedrática do Departamento de Farmacoloxía e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, María José Alonso, acaba de ser recoñecida co premio Jaume I na categoría de Novas Tecnoloxías, un dos galardóns máis prestixiosos do panorama científico nacional. O presidente executivo da Fundación Premios Jaime I, Santiago Grisolía, deu a coñecer este martes o ditame dos xurados dos seis premios, dos que formaron parte vinte Nobel.
María José Alonso comparte o recoñecemento destes premios na súa 23 edición cos investigadores Oscar Marín Parra (Investigación Básica), Carlos Simón Vallés (Investigación Médica), Daniel Peña Sánchez de Rivera (Economía), Sixto Malato Rodríguez (Protección do Medio Ambiente) e José Javier Chamorro Rebollo (Emprendedor).
Con Alonso son xa tres os premiados da Universidade de Santiago pola Fundación Jaume I. Na modalidade de Investigación Médica foran recoñecidos o catedrático de Medicina Felipe Casanueva en 2005 e o catedrático de Medicina Legal Ángel Carracedo en 2009.
Premios Jaume I.
Os galardóns que outorga a Fundación dos Premios Rey Jaime I, dotados con 100.000 euros en cada unha das súas modalidades, están instituídos pola Generalitat e a Fundación Valenciana de Estudos Avanzados para estimular e recoñecer a investigación e o desenvolvemento científico en España.
Ademais dos vinte Premios Nobel, o xurado estivo formado por cerca dun centenar de personalidades do mundo da medicina, a investigación, a economía, o medio ambiente, as novas tecnoloxías e o urbanismo.
Nesta edición presentáronse preto de 200 candidaturas de toda España, sen que ningunha persoa ou entiadde poida presentarse a este reputado galardón pola súa propia iniciativa.
María José Alonso.
Incluída entre os científicos máis citados en España na área de Farmacoloxía, María José Alonso traballou ao longo da súa traxectoria académica en destacadas universidades e centros de investigación de todo o mundo como a Universidade de París Sur e o Instituto Tecnolóxico de Massachussets. Ademais ten dirixido e coordinado preto de corenta proxectos de investigación, algúns deles financiados por entidades de relevancia internacional tales como a OTAN, a OMS, a Comisión Europea e a Bill and Melinda Gates Foundation.
A súa atención investigadora céntrase fundamentalmente nos problemas de saúde global a través do uso de nanotecnoloxías, traballo que lle reportou varios premios de investigación por parte de asociacións científicas, revistas especializadas e fundacións. Ademais, liderou e participou na coordinación de diversas asociacións científicas internacionais e plataformas tecnolóxicas (a española e a europea de nanomédica) e redes (Red Galenos Marie Curie), formando parte do comité editorial de oito revistas internacionais.
Xunto a ela formáronse 18 doutores, ademais de numerosos visitantes investigadores de todo o mundo (Chile, México, Brasil, Estados Unidos, Suecia, Francia, Austria, Portugal, Italia, Irán ou Tailandia). Froito deste labor son doce patentes internacionais e case 200 artigos científicos (factor H:43, 5.800 citas).
Completando o perfil, realizou labores de xestión e asesoramento entre as que destacan a súa implicación actual no programa de ‘Social and Ethical Issues- Grand Challenges in Global Health- Bill and Melinda Gates Foundation’, a súa participación como asesora do Ministerio de Ciencia en Innovación para a elaboración da Lei da Ciencia e, especialmente, a súa etapa como vicerreitora de Investigación e Innovación na USC. Ingresou recentemente na Real Academia Nacional de Farmacia.
Fonte: http://xornal.usc.es