O Máster oficial en Lingua e usos profesionais comezará a impartirse na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña no próximo ano académico.
É unha titulación única dentro do sistema universitario galego que integra materias de carácter lingüístico, tecnolóxico e das ciencias sociais. Ademáis ten validez como título oficial en toda a Unión Europea. Trátase dunha oferta académica innovadora que contribúe á diversificación profesional dos estudos de filoloxía.
O seu obxectivo é proporcionar ao estudante formación lingüística especializada en español, galego ou inglés (segundo a opción escollida), á par que formalo no manexo
de ferramentas informáticas e tecnolóxicas avanzadas, e no dominio das técnicas de organización e xestión do coñecemento. Dotarase así o estudante de capacidade para
actuar en ámbitos profesionais diversos e multidisciplinares.
Ten unha duración de 60 créditos ECTS (un ano académico) organizados nunha estrutura modular con tres especialidades: español, galego ou inglés. Os módulos son
Informática aplicada (12 créditos ECTS), Xestión do coñecemento e recuperación da información (9 créditos ECTS), Recursos lingüísticos e novas tecnoloxías (9 créditos
ECTS) e Comunicación oral e escrita 1 (18 créditos ECTS) e Comunicación oral e escrita 2 (6 créditos). A especialidade vén dada pola opción escollida no módulo de Comunicación oral e escrita 1, en que se debe seleccionar unha das tres linguas citadas. Hai un quinto módulo (6 créditos ECTS) de materias optativas relacionadas con aspectos complementarios da comunicación oral e escrita.
O estudante realizará prácticas profesionais (4 créditos ECTS) e terá que presentar unha memoria final do traballo desenvolvido no máster (2 créditos ECTS).
En breve estarán na páxina web http://www.udc.es/filo todos os pormenores relativos ao máster.