REFLEXIONAN SOBRE AS POSIBILIDADES DAS DISTINTAS VÍAS DE TRANSFERENCIA DE COÑECEMENTO DENDE A UNIVERSIDADE ÁS EMPRESAS E ENTIDADES NO EIXO GALICIA-NORTE DE PORTUGAL
Será nunhas xornadas de presentación do proxecto VT (Vehículos de Transferencia) que lidera a USC.
A Unidade de Valorización e Transferencia da USC coordina o proxecto VT (Vehículos de Transferencia) co que se trata de abordar, dende unha perspectiva transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal as posibilidades das distintas vías de transferencia de coñecemento dende a universidade ás empresas e entidades.
Este proxecto centrará unhas xornadas monográficas a celebrar o vindeiro día 15 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, coa participación entre outros do director da Oficina Europea de Patentes, Nöel Campling. Trátase dunhas xornadas de presentación do proxecto baixo o lema ‘Deseño, consolidación e mellora de vehículos de transferencia tecnolóxica na eurorrexión’. Sendo a participación de balde, as persoas interesadas deben formalizar unha inscrición antes do 13 de xuño.
A investigación baixo contrato, a transferencia vía licenza e a creación de empresas de base tecnolóxica son os tres eixos clave de traballo deste proxecto no que se pretende explorar as novas posibilidades que ofrece a cooperación entre as distintas institución implicadas nos procesos de transferencia na Eurorrexión.
O encontro está dirixido ao conxunto da comunidade investigadora así como a pequenas e medianas empresas interesadas en procesos de innovación, persoal técnico de organismos de transferencia de tecnoloxía e emprendimento e a calquera outra persoa interesada na materia.
Na xornada, de inicio exporanse os obxectivos xerais do proxecto e o seu marco institucional, contando coa presenza do director da Oficina Europea de Patentes que explicará as posibilidades para a universidade e a empresa dunha das ferramentas clásicas para a transferencia vía licenza, as patentes.
As persoas interesadas poden atopar máis información na páxina web www.vtransfer.org.
Fonte: http://xornal.usc.es