Oficina CEER
 10-06-2011
INVESTIGADORES DA USC CUALIFICAN COMO “MOI POUCO FIABLE” O MÉTODO APROBADO POLA COMISIÓN EUROPEA PARA O CONTROL DE TOXINAS MARIÑAS

A intención do traballo desenvolvido polo equipo lugués é “axudar a mellorar a fiabilidade do método, de tal xeito que garanta a seguridade alimentaria”

Investigadores do Departamento de Farmacoloxía da USC coordinados polo profesor Luis Botana acaban de demostrar que o método aprobado pola Comisión Europea para o control de toxinas mariñas na UE pode non ofrecer unha óptima e necesaria protección dos consumidores.

Deste xeito, a partir do vindeiro 1 de xullo o método oficial de control de toxinas será a cromatografía líquida con detección de masas (LC-MS), coexistindo durante os próximos tres anos co bioensaio de rato, o que se aplicaba ata o momento. O grupo de investigación Farmatox centrado no estudo das toxinas mariñas apunta que o único exercicio publicado de validación do novo método, coordinado por autoridades alemás, “indica resultados cuestionables, como é un límite de detección anormalmente baixo en todos os laboratorios participantes”.

Estes achados acaban de ser aceptados para a súa publicación na considerada como mellor revista de química analítica Analytical Chemistry co título ‘The effect of uncontrolled factors in a validated liquid chromatography-tandem mass spectrometry method question its use as reference method for marine toxins: major causes for concern’. O artigo demostra que os erros que se cometen con LC-MS “son grandes, en función dos parámetros cuxo control se esixe nun método validado”, polo que no día a día “estes erros serán aínda maiores”, sinalan os investigadores.

A finalidade do traballo agora pendente de publicar é “axudar a mellorar a fiabilidade do método, de tal xeito que garanta a seguridade alimentaria”. Do mesmo xeito, os investigadores puntualizan que “non cuestionamos o uso deste método, senón que advertimos da importancia de que se implante canto antes nos laboratorios de control para definir con precisión os erros en cada etapa do proceso, de modo que os resultados sexan reproducibles entre laboratorios” puntualiza o equipo investigador.

Segundo o responsable do equipo, “sospeitábase onde podían atoparse os erros do método, sen que se cuantificaran ata agora, que é o que fixemos nós”. A achega dos investigadores “debe axudar a que o método químico se use sen riscos no futuro, empezando xa dende o próximo mes de xullo”.

Segunda as investigacións realizadas a nova lexislación “non mellora nalgúns aspectos a anterior e o método proposto aínda non está listo para ser usado como único método de referencia”. Ademais, “todos os parámetros teñen que ser validados para que a fiabilidade do método sexa aceptable”, sendo uns indicadores actualmente non contemplados nos protocolos de validación dos laboratorios, polo que a garantía sobre a fiabilidade do resultado “é menor do desexable”, alertan os investigadores da Facultade de Veterinaria.

O cambio, que España recorreu ante o Tribunal Europeo, baséase nunha serie de opinións que publicou a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA, na súa acepción inglesa) que “ establecen dun modo pouco sustentado en información técnica dispoñible no momento" que a LC-MS era o mellor método para reemprazar o bioensaio, apuntan os investigadores.

Segundo o traballo do equipo lugués a utilización que se fixo de EFSA para cambiar o método de control é “precipitada, xa que alude á seguridade alimentaria para modificar unicamente o método químico sen cambiar nada máis e elevando os niveis reais de toxinas a detectar”. Neste mesma dimensión, o método mantén como toxinas a lexislar “algunhas que non está demostrado que o sexan” como as iesotoxinas ou as pectenotoxinas, pero “non se inclúen outras que si se sabe que o son, como os espirólidos, a tetrodotoxina ou as palitoxinas”.

Fonte: http://xornal.usc.es/