Oficina CEER
 15-06-2011
O MÉRCORES 15 SERÁ VISIBLE EN TODA A PENÍNSULA IBÉRICA UNHA ECLIPSE TOTAL DE LÚA

O mércores 15 vaise producir unha eclipse total de Lúa que será visible en toda a Península aínda que na parte occidental, cando se mostre o satélite polo leste-surleste, xa aparecerá eclipsado. Deste xeito, en Galicia poderase observar só a segunda parte do fenómeno.

A Lúa chea vai saír xusto no momento do solpor, en torno ás 22.15 horas en Galicia, hora que casualmente coincidirá co punto máximo da eclipse. Dado que o fenómeno rematará ás 23.03 horas, o director do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC, José Ángel Docobo, aconsella contemplar o fenómeno dende as 22.30 ata as 23.00 horas. Para unha boa observación, dende o Observatorio suxiren dirixirse a un lugar elevado que teña ben despexada a parte do horizonte comprendida entre o Leste e o Sur. A partir das 23.00 horas a eclipse pasará a ser parcial ata as 00.00, e logo penumbral, rematando todo o proceso ás 01.00 horas.

José Ángel Docobo sinala que, en teoría, a Lúa tería que deixar de verse na fase de eclipse total porque a Terra tápalle a luz que recibe directamente do Sol, porén a atmosfera terrestre refracta os raios de luz que pasan a través dela e os desvía cara a Lúa, polo que esta non fica totalmente escura. As tonalidades vermellas, grises ou castañas que ofrecerá a Lúa na eclipse total débense a diferentes cantidades de po que conten a atmosfera.

A vindeira eclipse total de Lúa visible en Galicia será o 28 de setembro de 2015. Segundo o servizo de observación astronómica da USC non é necesaria ningunha protección para observar estes fenómenos.

Fonte: http://xornal.usc.es