O Coro Universitario de Vigo estreou no concerto de fin de curso pezas inéditas do poeta berciano.
Orquestradas por Carlos Cambeiro e acompañados da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra.
Ponferrada, Cacabelos e Vilafranca. Tres vilas do Bierzo ligadas á vida e á obra do poeta Antonio Fernández Morales e tres textos que son exemplo da súa obra, coa lingua como bandeira. Coa musicalización e orquestración destes tres poemas que a Universidade encargou a Carlos Cambeiro, a institución académica rende homenaxe ao autor berciano. En estrea absoluta as voces do Coro Universitario de Vigo interpretaron por primeira vez en público esta adaptación nun concerto de fin de curso no teatro do Centro Cultural Novacaixagalicia.
Xunto coa homenaxe ao escritor, o Coro ofreceu un repertorio estruturado en dúas partes conducidas polo profesor e escritor Anxo Angueira. Así, nun primeiro acto o Coro, dirixido por Nuria Lorenzo, interpretou un programa variado que foi dende unha especial adaptación de tres cancións de Mary Poppins, un tango ou o Lela de Os vellos non deben namorarse de Castelao, pasando por pezas clásicas como El Grillo, música de Joaquín des Prez, do século XV-XVI. Xunto con eles, sobre o escenario foron pasando o pianista Jesús Moares, os bailaríns Miguel Zurita e Nerea Sotelo e a banda de gaitas Noitarega.
Versos entre o Bierzo e Vigo.
Para a segunda parte do recital centrouse na homenaxe ao poeta berciano Antonio Fernández Morales, destacado escritor do século XIX cunha produción literaria principalmente en galego ou no dialecto berciano, dignificando así a fala da xente común e recollendo tamén e pondo en valor tradicións e costumes da súa terra.
En 1861 publicábanse Ensayos poéticos en dialecto berciano, dous anos antes de que Rosalía editara Cantares Gallegos, o 17 de maio do 1863, converténdose o primeiro nun referente e precursor do Rexurdimento da literatura en galego, un feito pouco coñecido. Precisamente neste 2011 se cumpren 150 anos da publicación desta obra, polo que tanto en Galicia como en Castela León se están a organizar diversos actos de homenaxe e actividades dirixidas a prestixiar e divulgar a súa obra.
Fernández Morales captaba nas súas obras a esencia e a identidade do Bierzo, asociando indisolublemente a esta personalidade a fala, o berciano, dialecto do galego. Precisamente levan nome de tres vilas da comarca as tres pezas estreadas na segunda parte deste concerto, Ponferrada, Cacabelos e Vilafranca. A Universidade encargou ao compositor e profesor do Conservatorio Superior de Música da Vigo, Carlos M. Cambeiro a orquestración destes tres textos, que foron interpretados polo Coro co acompañamento da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Estas tres pezas serán recollidas dun disco que o Coro Universitario está a gravar e que sairá á rúa en dous ou tres meses.
Xunto cos poemas do homenaxeado, o Coro ofreceu tamén no seu repertorio Malenconía, texto de Alfredo Brañas e música de Enrique Lens adaptado e orquestrado polo propio Cambeiro e Repinicos, con música de Faustino R. Núñez e orquestración tamén de Cambeiro.
Precursor do rexurdimento.
O escritor e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, Anxo Angueira, encargado de conducir o acto, ten tamén un fondo coñecemento sobre o autor. En 2003 publicou Ensayos poéticos en dialecto berciano. Antonio Fernández Morales, un traballo no que defende que a obra de Antonio Fernández Morales debe "remover de vez o inmobilismo con que a crítica literaria en Galicia (...) aparcou o estudo do século XIX". “Tanto o exilio en que viu a luz como a súa pésima interpretación privaron os Ensayos poéticos en dialecto berciano de chegar a ser un dos alicerces do sistema literario galego e ao ser autor de ser recoñecido como un gran defensor da lingua”.
Recolle Angueira neste traballo o seguinte repaso pola vida e obra do homenaxeado: “Nado en Astorga coma Marcelo Macías, Andrés Martínez Salazar ou os Martínez Risco, berciano coma o Padre Sarmiento, Fermín Penzol ou Ramón González Alegre, estremeiro coma o eonaviego Armando Cotarelo Valledor ou coma a valverdeira Isabel López Lajas ... , todas elas figuras indispensables sen as que a cultura galega non se pode concibir, Antonio Femández Morales, nos seus Ensayos poéticos en dialecto berciano, por riba da inigualable riqueza antropolóxica e lingüística, entregoulle un dos máis grandes monumentos á nosa Historia da Literatura e o mellor canto que coñezamos ás terras do Bierzo”.
Para Angueira é preciso “devolverlle a este autor e a esta obra excepcional, pouco e por veces desafortunadamente interpretada, absolutamente silenciada nos manuais de Historia de Literatura máis recentes, un lugar de privilexio dentro do Rexurdimento das nosas letras”, como recolle no seu traballo. Neste acto salientou tamén o papel que a Univesidade de Vigo desenvolve para poñer en valor "a cultura e a lingua dos territorios estribeiros de Asturias, Castela León e Estremadura que conservan o galego como lingua propia".
Fonte: http://duvi.uvigo.es