Oficina CEER
 21-06-2011
RESPONSABLES DE EDUCACIÓN DE QUINCE PAÍSES EUROPEOS REÚNENSE EN SANTIAGO EN TORNO AO PROGRAMA COMENIUS

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu este luns a conferencia final do Proxecto Europeo Comenius-Regio ‘Collaborative Learning in Information Communication Technologies- CLICT’ coordinado polo Grupo de Tecnoloxía Educativa da USC e o CPI O Cruce da Consellaría de Educación.

A reunión inaugurouna a vicerreitora de PDI, Carmen Fernandez Morante, xunto co director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación da Xunta de Galicia, Jose Luis Lema Mira; o xefe de Servizo Comenius do Organismo Autónomo de programas Educativos Europeos adscrito ao Ministerio de Educación, Andrés Ajo Lázaro; a directora do CPI O Cruce, Milagros Trigo; e o responsable do servizo de mocidade de Devon (Inglaterra), Geoff Tew.

Nesta xuntanza daranse a coñecer a profesores e inspectores de educación de quince países europeos os resultados do proxecto que entre 2009 e 2011 se orientou ao desenvolvemento conxunto en España e Reino Unido dun programa de formación de alumnos de secundaria en competencias TIC.

As asociacións Comenius Regio teñen por obxecto promover o desenvolvemento de actividades de cooperación entre autoridades locais e rexionais activas no eido da educación infantil, primaria e secundaria en Europa.

Visita de estudo.
Coincidindo no tempo, e como xa é tradicional, iníciase tamén esta semana en Santiago unha visita de estudo Comenius de profesionais da educación de diferentes países europeos coa finalidade de debater sobre cuestións educativas e xerar novas ideas e proxectos no marco do Lifelong Learning Program (LLP). En concreto, esta visita de estudio xira en torno ao desenvolvemento de escenarios flexibles de aprendizaxe baseados nas TIC.

Fonte: http://xornal.usc.es