Comenius
Oficina CEER
 24-06-2011
DOCENTES DE DIVERSOS PAÍSES EUROPEOS REFLEXIONAN EN SANTIAGO SOBRE O DESENVOLVEMENTO DO E-LEARNING

Trátase dun encontro anual que se celebra na USC ao abeiro do programa Comenius no que participan expertos universitarios e de ensino secundario.

A vicerreitora de Persoal Docente e Investigador, Carmen Fernández Morante, mantivo este xoves 23 en San Xerome un encontro co grupo de quince docentes que se atopan na USC dentro da visita anual que se desenvolve na institución compostelá ao abeiro do programa Comenius, financiado con fondos europeos.

Procedentes de Irlanda, Inglaterra, Polonia, Eslovaquia, Eslovenia, Turquía, Italia, Austria, Alemaña, Grecia ou Lituania, os integrantes desta visita son profesores universitarios e de ensino secundario nos seus países de orixe que acoden a Santiago para debater sobre cuestións educativas e xerar novas ideas e proxectos no marco do Lifelong Learning Program (LLP).

En concreto, o encontro compostelá xira de xeito específico en torno ao desenvolvemento de escenarios flexibles de aprendizaxe baseados nas TIC e e-learning. Trátase dunha iniciativa que favorece o intercambio de experiencias á vez que abre ás portas ao desenvolvemento de novos proxectos de colaboración.

Neste contexto, Carmen Fernández Morante informou que a USC vai poñer en marcha o próximo curso unha rede para que os graduados poidan facer prácticas profesionais en empresas de distintos países da Unión Europea, en colaboración co programa Leonardo.

Fonte: http://xornal.usc.es