Oficina CEER
 29-06-2011
A DOUTORA EN ENXEÑARÍA QUÍMICA DA USC MARÍA FRANCISCO CASAL RECIBE UN PREMIO EUROPEO POLA SÚA TESE DE DOUTORAMENTO

María Francisco Casal, do grupo de procesos de separación e equilibrio interfaces da USC, acaba de recibir en San Petersburgo o Excellence Award on Thermodynamics and Transport Properties no marco do 25 Simposio europeo sobre Termodinámica Aplicada. O premio foille outorgado pola European Federation on Chemical Engineering (EFCE) como recoñecemento á mellor tese de doutoramento europea nese ámbito.

O xurado valorou especialmente do traballo ‘Desulfuración dos aceites de combustible mediante extracción con líquidos iónicos’, completado na USC baixo a dirección dos profesores Alberto Arce e Ana Soto, a súa amplitude e profundidade, a orixinalidade do tema estudado e da metodoloxía seguida e o seu impacto científico e relevancia industrial.

A teense María Francisco Casal estudou na USC Enxeñaría Química e doutorouse en Enxeñaría Química e Ambiental obtendo a máxima cualificación en 2010 para a súa tese, con mención europea. Durante a súa etapa de doutoramento Francisco Casal colaborou con outras universidades europeas líderes como a de Queen (Belfast) e a Universidade das Palmas de Gran Canaria co programa Marie Curie de formación de doutoramento.

Francisco ten no seu haber máis de 16 publicacións, numerosas comunicacións en congresos internacionais e máis de 200 citas derivadas da súa tese. Actualmente realiza a súa estadía posdoutoral no Energy Biosciences Institute da Universidade californiana de Berkeley baixo a dirección de John M. Prausntiz.

Fonte: http://xornal.usc.es