Oficina CEER
 04-07-2011
REMATA UN DOS PRIMEIROS SEMESTRES MAIS SECOS DOS ÚLTIMOS TRINTA ANOS EN SANTIAGO

Este xoves rematou un dos primeiros semestres máis secos dos últimos trinta anos na área de Santiago segundo datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, que nos dous meses pasados tan só recolleu na súa estación meteorolóxica 49,4 litros/m2 de auga.

Os anos 1990, 1992, 1982, 2005, 1989 e 2011 foron, por esta orde, os primeiros semestres máis secos dende 1981, medíndose en 2011 un total de 633 litros/m2 de precipitacións. Pola contra, en 2001 entre xaneiro e xuño medíronse 1.599,8 litros/m2, e en 1988 1.205,7. Nos anos 1985, 1996, 1998, 2003 e 2010 tamén se pasou de mil litros/m2 en idéntico período.

De acordo coas estatísticas, a media de choiva en Compostela ronda os 1.850 litros/m2, polo que para cumprirse este ano tería que chover no segundo semestre o dobre que no primeiro.

Cadro de precipitacións

1990........... 486,8 litros/m2 ( 14 + 60 )
1992.......... 561,2 " ( 10 + 56 )
1982.......... 600,9 " ( 8 + 76 )
2005.......... 608,2 " ( 12 + 73 )
1989.......... 611,4 " ( 10 + 67 )
2011......... 633,0 " ( 9 + 66 )

Neste cadro móstrase a cantidade total de choiva recollida nos seis primeiros meses nos períodos mais secos dende 1981. Entre paréntese figuran os días de choiva (primeiro aqueles con precipitación inapreciable, menos de 0,1 litros/m2). Por exemplo, no semestre que agora remata houbo 9 días con rexistro de choiva inapreciable máis 66 con choiva.

Temperatura récord.
Tamén a temperatura máxima de 36,9 graos rexistrada o pasado 25 de xuño representa un récord neste mes. Botando a vista atrás, non se repetía dende o 16 de xuño de 1981, cando o mercurio chegara aos 37º no Observatorio Astronómico. En 1996 e en 2000 a temperatura pasou tamén dos 36º en Santiago.

Estación meteorolóxica da USC.
A estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller funciona dende o ano 1947, sendo a partir de 1982 centro colaborador do Instituto Nacional de Meteoroloxía (hoxe Axencia Estatal de Meteoroloxía, AEMET). Precisamente a portada do Calendario Meteorolóxico da AEMET para este ano 2011 recolle a imaxe da estación do Observatorio Astronómico no Campus Vida da USC.

Fonte: http://xornal.usc.es/