Oficina CEER
 05-07-2011
A USC ACOLLEU A SEGUNDA REUNIÓN INTERNACIONAL DO PROXECTO EUROPEO MIGRANET

Investigadores da Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ reuníronse con responsables de diversas entidades de Galicia, Francia e Portugal.

Os comités Coordinador e Científico-Técnico do proxecto internacional Migranet celebraron este martes 5 no Colexio de San Xerome a súa segunda xuntanza de traballo coa presenza de catorce representantes das diversas entidades de Galicia, Francia e Portugal que participan no proxecto.

O obxecto da reunión foi avanzar sobre a posta en marcha do observatorio de peixes migradores no sudoeste de Europa que impulsa o proxecto, co financiado polo programa SUDOE e través de fondos FEDER da Unión Europea. Entre os temas abordados figuran cuestións relacionadas coa coordinación, seguimento e avaliación do proxecto así como a realización de inventarios de hábitat, de traballos de campo e o emprazamento de infraestruturas para a captura de peixes migradores nos ríos Ulla e Umia en Galicia, o Nivelle en Francia e no tramo internacional do Miño en Portugal.

A reunión estivo dirixida por investigadores da USC como coordinadores internacionais do proxecto e contou coa presenza de representantes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal, do Institut National de la Recherche Agronomique de Francia e do Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade do Porto.

O proxecto, no que participan institucións de Galicia, Francia e Portugal, está liderado pola Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ da USC que dirixe o profesor Fernando Cobo Gradín. O seu obxectivo central é configurar unha estratexia de cooperación conxunta na obtención de datos sobre peixes migradores que permita coñecer o estado de conservación das súas poboacións, as presións existentes que actúan sobre estas e prever futuros escenarios de cambio ante as alteracións climáticas e non climáticas no espazo do sudoeste europeo.

Para máis información sobre as actividades e resultados do proxecto pódese consultar a páxina web: http://www.migranet.org.es.

Fonte: http://xornal.usc.es