O CAMPUS DE VERÁN DE SARRIA PROFUNDA NA RELACIÓN ENTRE COMUNICACIÓN E DINAMIZACIÓN ECONÓMICA ARREDOR DO CAMIÑO DE SANTIAGO
Completando a programación do Campus de Verán de Sarria, o Salón de Plenos do Concello acollerá entre os días 26 e 30 de xullo o curso ‘O Camiño de Santiago, comunicación e dinamización económica’, cofinanciado polo concello de Sarria e a CRTVG e recoñecido como formación permanente do profesorado non universitario pola Consellaría de Educación.
O coñecemento en primeira persoa das particularidades do Camiño de Santiago e o seu contorno, a través de visitas a diversas partes do trazado, xunto coa intervención de especialistas procedentes de distintas disciplinas integran un programa extenso en diversos enfoques. A proxección económica do trazado, a dinamización cultural asociada ao traxecto xacobeo ou a riqueza dos recursos naturais a el asociados son algúns dos puntos de vista aos que se atenderá.
Estudosos da Historia, o Dereito, a Economía, a Socioloxía, as Ciencias da Comunicación, así como profesionais relacionados co mundo das finanzas e a economía, arqueólogos, xornalistas e representantes da administración local completan o cadro de relatores do programa previsto. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do curso en http://www.usc.es/cultura/uveran31_11.htm.
Fonte: http://www.usc.es